BNG consegue no Senado impulsar un acordo para mellorar o sistema de protección das mulleres en situación de violencia machista
Carme da Silva manda unha mensaxe clara á sociedade: “o sistema está para protexelas e faremos todo o que sexa posíbel para mellorar o sistema e dotalo de recursos, humanos e económicos, suficientes”
Informes forenses de valoración de risco complementarios aos policiais, estender os mecanismos de xeolocalización a agresores con risco medio ou incrementar xulgados: entre as medidas aprobadas
O BNG, a través da súa senadora Carme da Silva, consegue sacar adiante unha moción para mellorar o sistema de protección das mulleres en situación de violencia machista, así como das súas crianzas. Dentro da parte resolutiva, a iniciativa votada finalmente tamén recolle instar o Goberno, en colaboración coas Comunidades Autónomas, a fomentar a elaboración de informes forenses de valoración de risco complementarios aos policiais, estender os mecanismos de xeolocalización do agresor a casos con risco medio e a necesaria apertura de novos xulgados de violencia sobre a muller.
“O sistema fracasa cando hai un asasinato por violencia machista pero fracasa, máis aínda, cando este asasinato é a unha muller que fixo todo o que tiña que facer: denunciar o seu agresor, ter unha orde de afastamento e estar dentro do sistema VioGén” denuncia a senadora do BNG. Estela Blach, veciña do concello galego de Baiona, de 36 anos, atopábase dentro do sistema VioGén en risco medio e confírmase que é o último feminicidio que se produciu no Estado no que vai de ano. “Algo falla no sistema cando unha muller fai todo o que ten que facer e morre asasinada” lamenta a senadora nacionalista.
Segundo os datos de 2024, contabilízanse xa 39 asasinatos de violencia machista e 10 casos de violencia vicaria. “Datos demoledores que pon de manifestos a necesidade de seguir avanzando na loita contra a violencia machista, así como é preciso reiterar compromisos e incrementar os recursos económicos e os medios para blindar a loita contra a violencia contra as mulleres” defende Carme da Silva.
En aras de conseguir un acordo: “o noso traballo é protexelas e rematar coa violencia machista”
Durante a defensa da moción presentada polo BNG, a senadora nacionalista sinalou que hai puntos de encontro entre todas as formacións políticas que sinalan a existencia da violencia machista. “É posíbel chegar a un acordo para conseguir o obxectivo final da moción presentada polo BNG: que o sistema VioGén sexa o máis efectivo posíbel” afirmou Carme da Silva. Neste sentido, o BNG recolleu finalmente na súa iniciativa as diferentes sensibilidades materializadas durante o debate da mesma.
“Facendo un esforzo de entendemento seremos capaces de ter un acordo nesta moción e mandar unha mensaxe clara á sociedade e, sobre todo, ás mulleres: o sistema está para protexelas e faremos todo o que sexa posíbel para mellorar o sistema e dotalo de recursos, humanos e económicos, suficientes”.
O texto aprobado na Comisión de Seguimento e Avaliación das Estratexias acordadas polo Senado dentro do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero do Senado insta o Goberno, en colaboración coas CCAA, a mellorar o sistema de protección das mulleres en situación de violencia machista. No concreto, demanda a adopción de medidas como “fomentar a elaboración de Informes forenses de valoración de risco complementarios aos policiais e estender os mecanismos de xeolocalización do agresor a partir daqueles casos con valoración de risco medio”.
“Mellorar, tamén, o sistema de protección das mulleres en situación de violencia machista e a dos seus fillos e fillas, dentro do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, sendo urxente a mellora do Sistema VioGén e a necesaria apertura de novos xulgados de Violencia sobre a Muller” estabelece o terceiro punto aprobado.