Congreso

BNG consegue que o Goberno aprobe a tramitación de urxencia para as novas bonificacións da AP-9

O vindeiro martes, 15 de outubro, o Consello de Ministros dará luz verde ao inicio do trámite para as novas bonificacións da Autoestrada do Atlántico

“A concesión da AP-9 está condenada a desaparecer moito antes de finalizar pola vía xudicial. Non se empeñe en continuar castigando os galegos e galegas” Rego, a Puente

O Bloque Nacionalista Galego consegue un acordo co Goberno para iniciar os trámites que permitan a aprobación das novas bonificacións a usuarios recorrentes e superrecorrentes da Autoestrada do Atlántico. Rego interpelou o Ministro de Transportes e Mobilidade Sustentábel apelándoo a rematar coa grave discriminación que sofre á Galiza a respecto das peaxes da Autoestrada do Atlántico. O deputado do BNG, Néstor Rego, demandou ao Ministro a iniciar os trámites para o rescate da AP-9, sendo a solución máis xusta e beneficiosa para o interese público, e axilizar a transferencia da Autoestrada que se está a tramitar no Congreso.

Luz verde a impulsar as novas bonificacións da AP-9 de até 75%

O Ministro de Transportes e Mobilidade aproveitou a interpelación para, en consonancia co acordado co BNG e co obxectivo de cumprir o Acordo de Investidura, anunciar que no vindeiro Consello de Ministros, o vindeiro martes -15 de outubro-, se aprobará a tramitación de urxencia para as novas bonificacións da AP-9. Unha cuestión da que o deputado do BNG fixo fincapé porque “é evidente que aplicar o previsto no Acordo de 2020 foi un avance que logrou aliviar a carga para as persoas e empresas que teñen que usar esa vía de forma habitual. Agora corresponde amplialas segundo o previsto”.

Cuestións pendentes que abren a porta a unha “AP-9 galega e libre de peaxes”

E tamén, engadiu Rego, “axilizar a transferencia da Autoestrada do Atlántico”, que está a tramitar este Congreso por petición unánime do Parlamento da Galiza. “Non ten sentido demorar máis esa tramitación. Por iso esperamos que a maioría da Mesa conformada polo seu partido e por Sumar non adíen máis o trámite e poida ser concluído canto antes” subliña o deputado do BNG.

Así mesmo, e co obxectivo de conseguir, máis cedo que tarde unha “AP-9 galega e libre de peaxes”, Néstor Rego sinalou a necesidade de rematar coa discriminación que sofre á Galiza que significa que “os galegos e galegas continúen  pagando portaxes durante 24 anos máis -cando xa van 51- sobre todo castigando os traballadores e traballadoras que teñen que utilizar esa vía a diario e as empresas que teñen que utilizala para mover os seus produtos”.

“Nin é xusto nin é aceptábel. Os galegos e galegas non estamos dispostos a aturar máis discriminacións” incidiu Rego facendo mención a que, o PP é, hoxe por hoxe, “totalmente responsábel de que os galegos e galegas continuemos pagando peaxes e que os deputados e deputadas galegas colaborasen nunha decisión contra a Galiza, contra os intereses do noso País”.

Cabe destacar que esta última reflexión foi partillada polo Ministro de Transportes que lembrou que a última prórroga da concesión foi aprobada por un Goberno do Estado presidido por Aznar e unha Xunta de Galiza presidida por Fraga Iribarne: “o PP castiga á Galiza” sinalou.

“A concesión está condenada a desaparecer” di Rego

Á situación xurídico-económica da Autoestrada, e ante a solicitude do BNG de realizar -tal e como demandou no seu momento a través dunha moción aprobada polo pleno do Congreso en xuño deste mesmo ano- un estudo para o posíbel rescate da AP-9, o Ministro de Transportes, Óscar Puente, abriuse a estudar esta posibilidade e “encargar un informe” e afirmou que o Goberno son conscientes da situación inxusta que supón para os galegos e galegas seguir pagando estas peaxes.

“O BNG encargou un informe á Universidade da Coruña, realizado por dous profesores, con rigor técnico e xurídico, e que dá como resultado que a cantidade que custaría acabar coa concesión é bastante menor que a que vostede sinala: 904,7 millóns de euros” lembrou o deputado do BNG no Congreso durante a interpelación. Entre outras razóns porque, ao tratarse dun contrato ilegal, e por tanto anulábel, a concesionaria “non tería dereito a indemnización por lucro cesante, tal e como recolle o Tribunal Supremo nunha sentenza ditada en 2022”. Neste sentido, Rego entregou unha copia do informe ao Ministro e Puente recibiu o informe e afirmou que o ministerio estudará esta proposta.

Por último, o deputado do BNG lembrou que a Unión Europea abriu un expediente de infracción ao Estado español pola prórroga por considerala que non se axusta a dereito por non respectar o criterio de concorrencia competitiva. Se Goberno se empeña a defender o mantemento da concesión, alerta Rego, estará a se facer co responsábeis dunha inxustiza e mesmo, con certeza, dunha ilegalidade. “Sabe perfectamente que a concesión da AP-9 está condenada a desaparecer moito antes de finalizar pola vía xudicial” sentenza Néstor Rego.