BNG consegue que o Consello de Contas audite a Federación Galega de Kickboxing polas irregularidades da súa presidencia
Noa Presas denuncia que o PP permite desde hai anos irregularidades investigadas pola xustiza do seu presidente e da Fundación Cipri Gomes
O BNG conseguiu un acordo parlamentario para que o Consello de Contas audite a Federación Galega de Kickboxing polas irregularidades da súa presidencia. A deputada Noa Presas denuncia que o PP permite desde hai anos irregularidades coñecidas e investigadas pola xustiza do seu presidente e da Fundación Cipri Gomes.
“Esperamos que isto poña luz e taquígrafos nunha xestión moi irregular que desde hai anos a Xunta coñece, como coñece ademais que a fiscalía iniciou varias investigacións ao seu presidente, e como coñece todos os indicios negativos da Fundación Cipri Gomes, como a creación de clubs falsos para facerse co control da Federación”, afirmou.
A portavoz de Facenda parabenízase do acordo para que se audite este organismo, e onde se comprobe, desde o ano 2020, o sometemento da súa actividade económica, financeira e contable ao ordenamento xurídico e ao principio de racionalidade, e os criterios de eficiencia e economía. Lamentou, porén, que “non se audite un período máis amplo nin a totalidade da Fundación Cipri Gomes”.
Presas fixo estas declaracións despois da reunión este venres da Comisión de Relacións co Consello de Conta e aclarou que o acordo para fiscalizar a Federación “chega tarde, pola connivencia da Xunta e do Partido Popular con quen foi o seu simpatizante” e agarda que “poña transparencia en algo que é fundamental e que estivo causando durante estes anos prexuízos a todas as persoas que queren practicar este deporte”.
Malia aos seus antececendes, Cipri Gomes é aínda hoxe o Presidente da Federación Galega de Kickboxing. A deputada nacionalista lembra que “no ano 2017 coñeceuse publicamente un xuízo pola fraude nas subvencións do kickboxing que rematou coa súa condea”. Posteriormente, e segundo confirmou a propia Xunta en sede parlamentaria, coñeceuse que a fiscalía investigaba o centro de tecnificación da fundación en Viana do Bolo, que obtivera fondos europeos, e que a comezos deste ano coñeceuse que estaba denunciado pola Fiscalía por delito continuado de falsidade documental e un delito continuado de estafa.
Presas quixo recordar que o BNG denunciou en sede parlamentaria a sospeita da creación dunha rede de clubs falsos para manter o control da Federación e que advertiu da posible fraude na xestión dos fondos públicos ademais do dano que este tipo de actuacións lle fai a esta disciplina e ás persoas que se viron e ven afectadas pola súa mala praxe.
Tal e como se presenta no seu sitio web, a Fundación Cipri Gomes é unha organización sen ánimo de lucro, cualificada de interese deportivo que ten por obxecto o fomento do deporte, perseguindo como fins principais o impulso da actividade deportiva.