BNG consegue no Parlamento un acordo para reclamar que se cubran as prazas de persoal médico non centro de Catoira
Montse Prado reclama a Sanidade que deixe de “poñer en risco” a saúde da veciñanza e remate coa “angustia” que produce a tardanza dun diagnóstico
Reclama tamén recuperar os catro días de atención pediátrica: “As crianzas non poden escoller enfermar os venres, que é o único día que teñen especialista”
A deputada do BNG Montse Prado reclamou hoxe na Comisión de Sanidade a substitución inmediata no centro de saúde de Catoira da praza que quedou vacante tras a xubilación dun dos facultativos, e cubrir ademais todas as ausencias do persoal que se produzan. Prado conseguiu o apoio unánime dos grupos parlamentarios á súa demanda, parte dunha proposición non de lei na que tamén se reclamaba restituír a atención pediátrica neste centro, como mínimo, os catro días á semana que se prestaba no pasado. Porén, este punto foi rexeitado polo PP.
Na defensa da súa iniciativa, Montse Prado denunciou a redución de servizos e a “sobrecarga asistencial brutal” que rexistra o centro de saúde de Catoira, onde os e as pacientes sofren esperas de ata máis de vinte días para unha consulta de medicina de familia, tardanza que alonga máis o coñecemento do diagnóstico dos doentes. “As esperas vanse acumulando: para a primeira cita, para realizar probas de laboratorio, para a seguinte consulta na que dan os resultados... e iso significa sufrimento e angustia, empurrando ás persoas a acudir á sanidade privada”, asegurou.
A falta de persoal é unha constante no centro de Catoira, pero “a preocupación está de novo en niveis máximos” porque a praza do médico que se xubilou non foi cuberta, e só se substitúe algúns días unhas horas, “sen sequera saber con antelación cales van ser, co que supón de caos tanto para os doentes como para o persoal administrativo”. “É habitual que as demoras tanto para consultas como para receitas superen os vinte días”, insistiu a deputada nacionalista.
A atención pediátrica empeorou tamén nos últimos tempos e agora xa se presta só un día á semana (antes eran catro). Ademais, segundo explicou Prado, o servizo queda sen cubrir nas vacacións, libranzas ou baixas laborais, de maneira que os pacientes vense obrigados a desprazarse ata Vilagarcía para os casos de urxencias, porque nin sequera teñen a posibilidade de solicitar cita para cuestións non urxentes.
“As crianzas de Catoira non poden escoller enfermar os venres, que é o día que teñen pediatra”, advertiu Montse Prado, que salientou a “alarma” que os problemas de atención no centro de Catoira está xerando entre a veciñanza, vítimas directas dos recortes e a ausencia de planificación da Xunta para afrontar a demanda en condicións de calidade. Emprazou así ao PP, que votou en contra da iniciativa do BNG, a tomar medidas “para deixar de poñer en risco a saúde e a vida da veciñanza” deste concello.
Montse Prado tomou a situación que se vive en Catoira como un exemplo do “deterioro” ao que o PP somete á sanidade pública. Neste sentido, criticou que nos orzamentos da Xunta para 2024 “non hai absolutamente ningunha proposta para un cambio de rumbo que supoña un cambio de modelo de Atención Primaria, converténdoa en auténtico eixo do sistema sanitario”.
A suba media do orzamento é do 5 % e Atención Primaria só incrementa nun 3,69%, por debaixo da inflación, “o que supón que nin se mantén o esforzo orzamentario insuficiente do presente ano”, concluíu.