Senado

BNG consegue o apoio do Senado para que o Goberno impulse medidas na defensa do sector agrogandeiro galego

Carme da Silva

Carme da Silva: “É hora de darlle a volta á situación de desmantelamento do sector primario galego”

A senadora do BNG mostra o seu apoio ao sector e avanza que a aprobación desta iniciativa é o inicio dun largo percorrido para mellorar as súas condicións

A iniciativa aprobouse na cámara alta co único voto en contra de VOX

A senadora do BNG, Carme da Silva, consegue o apoio da cámara alta para que o Goberno do Estado impulse determinadas medidas para a defensa do sector agrogandeiro galego. Da Silva chama a darlle a volta a situación de desmantelamento que está a sufrir o sector na Galiza  e avanza que a aprobación desta iniciativa “é o inicio dun largo percorrido para mellorar súas condicións dun sector cun gran peso no país”.

A senadora nacionalista comezou amosando o apoio do BNG as xustas reivindicacións ao sector agrogandeiro galego que está a realizar diversas mobilizacións no país. “É hora de darlle a volta á situación de desmantelamento dun dos nosos sectores estratéxicos. Sabemos que as competencias as ten fundamentalmente a Xunta de Galiza mais tamén sabemos que as políticas desenvoltas polos sucesivos gobernos do Estado –dunha e outra cor- e a Unión Europea provocaron a perda de peso deste sector na Galiza ao longo destas décadas” subliña da Silva.

Esta proposta, continúa a senadora da Silva, aprobada “é o inicio dun largo percorrido para a mellora das condicións do sector agrogandeiro galego. Un sector fundamental no sistema económico, social e cultural do noso País”

Medidas específicas para a defensa do sector agrogandeiro galego

Entre os puntos da iniciativa do BNG, a Comisión de Agricultura do Senado insta o Goberno a modificar a Lei de Cadea Alimentar para estabelecer figuras ou mecanismos de cálculo obxectivos dos custos de produción dos produtos agrogandeiros. Paralelamente, dotar a futura Axencia Estatal de Información e Control Alimentario das facultades necesarias para facer cumprir esta lei e rematar “coas prácticas e marxes abusivas” acadando prezos xustos para os produtores agroalimentarios. Así mesmo, demanda ao Goberno manter a redución no prezo do gasóleo para o sector, así como as condicións do gasóleo agrícola profesional.

Por outra parte, o Goberno deberá demandar á Comisión Europea a paralización da aplicación da normativa da nova PAC até que sexa adaptada aos diferentes territorios: “caderno dixital, veterinario de explotación, ordenación de explotacións bovinas, decreto de fertilización sustentábel do chan” enumerou da Silva. Do mesmo xeito, o executivo terá que adaptar a metodoloxía dos ecoesquemas e, polo tanto do catálogo dos ecorreximes, á realidade do campo e da gandaría galegas.

Por último, a iniciativa recolle que o Goberno deberá “defender o principio de reciprocidade na utilización de produtos fitosanitarios e na reorganización da inspección na fronteira do Estado español, primando as nosas producións frente a terceiros países que comercializan coa Unión Europea”.