congreso

BNG consegue o apoio do Congreso para reclamar un concurso de Transición Xusta nas Pontes

Néstor Rego

A Comisión de Transición Ecolóxica insta o Goberno a manter os 1.400MW de capacidade no nó de evacuación “que permitirá implantar novas actividades económicas e a creación de postos de traballo” na comarca

A iniciativa sae adiante a pesar do voto en contra de PSOE e Sumar e tres abstencións

“Queremos que, por medio dun concurso de transición xusta, se garanta que se realizarán investimentos e que novas actividades económicas creadoras de emprego se porán en marcha” defende Rego

A organización nacionalista consegue aprobar na Comisión de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico do Congreso unha iniciativa para insta o Goberno do Estado a garantir unha Transición Xusta real para As Pontes. A votación contou con 17 votos a favor (BNG, EH Bildu, ERC e PP) contra 15 votos en contra dos partidos que compoñen o Goberno do Estado, PSOE e Sumar. Neste sentido, Rego celebra que a cámara baixa apoie a reclamación do BNG para que o Goberno do Estado manteña os 1.400 MW de capacidade de evacuación e inste o Goberno a convocar o concurso de transición xusta.

Segundo os datos fornecidos pola REE a capacidade actual da central térmica das Pontes  é de 0 MW. “Non se sabe como nas Pontes “desapareceron” 1400MW. Como non desapareceron temos que presupor que foron adxudicadas a determinadas empresas mais, a verdade, é que facelo desa maneira implica furtar a posibilidade de que se poida realizar un concurso de transición xusta nesta localidade” enfatiza o deputado do BNG.

De facto, segundo un estudo elaborado pola Universidade Da Coruña, poderíanse perder até 14 000 postos de traballo, entre directos e indirectos. “Furtan a posibilidade de que se poidan xerar novas actividades económicas que creen emprego nunha comarca que posuía grande dinamismo” afirma.

Unha situación de discriminación se o comparamos co que está a acontecer noutros puntos do Estado, onde se están a realizar concursos para garantir a implantación de novas actividades económicas. Este é o caso da central de Andorra, en Teruel, onde se garantiu un investimento de 1200M€ e a creación de máis de 2500 postos de traballo: “non só no sector enerxético senón tamén noutras actividades asociadas”

“Hai quen argumenta que é unha decisión técnica mais isto é unha decisión política” evidencia Rego. Porque, continúa o deputado nacionalista, se do punto de vista técnico houbo cousas que se fixeron mal, teríase que reverter esta situación para que, por exemplo, As Pontes e Meirama se poidan realizar estes concursos de transición xusta.

“Non nos serve o anuncio de que o Goberno se compromete á construción dunha nova subestación de entre 400-700 MW. En todo caso sería unha capacidade engadida á que xa existía” avanza Rego.

“O BNG e as e os traballadores non estamos dispostos a que o Goberno español nos discrimine. A veciñanza non está disposta a crer que non hai posibilidade de rectificar unha decisión equivocada que os deixa sen expectativas de futuro” evidencia o deputado do BNG.

Parte resolutiva da iniciativa onde se insta ao Goberno

No concreto, a Proposición Non de Lei recolle a necesidade de “manter os 1400 MW de capacidade de evacuación que tiña asignada a Central Térmica das Pontes no nó de Transición Xusta do Concello das Pontes”.

Como segundo punto, aprobado na Comisión, o Congreso insta ao Goberno a proceder á convocatoria inmediata e urxente do Concurso de Transición Xusta co mesmo procedemento empregado para adxudicar o acceso ao nó de Transición da CT de Andorra-Teruel. A iniciativa, subliña o deputado do BNG, procura garantir as condicións socioeconómicas necesarias para “unha verdadeira transición xusta coa execución de proxectos empresariais e industriais alternativos de continuidade, momento no que a súa capacidade tamén deberá ser obxecto de concurso”.

Por último, demandan ao Ministerio á convocatoria inmediata e urxente da Mesa de Transición Xusta das Pontes coa participación de todos os seus integrantes e unha representación de REDEIA como operador do sistema.