BNG conmemorará en Bruxelas o 10 aniversario do accidente do Alvia cunha conferencia sobre seguridade ferroviaria
Ana Miranda: “Estes meses van ser clave porque saberemos se o procedemento de infracción aberto pola Comisión Europea se pecha ou continúa aberto”
Goretti Sanmartín: “É escandaloso que teñan que ser as vítimas e organizacións políticas como o BNG as que están esixindo comisión de investigación independente”
A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, anunciou que o Bloque conmemorará en Bruxelas o décimo aniversario do accidente do Alvia, “unha das traxedias máis graves da historia ferroviaria europea”, coa organización dunha conferencia sobre seguridade ferroviaria e as leccións aprendidas en Europa sobre o accidente de Angrois, que terá lugar o vindeiro 6 de xullo.
“Nesta conferencia está convidada a Axencia Ferroviaria Europea, a Comisión Europea, a asociación de vítimas do Alvia, e tamén imos convidar a Adif, a Renfe e ao Ministerio de Transporte, porque creo que teñen que dar a cara publicamente”, manifestou a eurodeputada do Bloque, quen explicou que nesta xornada abordarase o procedemento de infracción aberto pola Comisión Europea en xaneiro de 2019 “que aínda está en marcha porque o Estado español aínda non cumpriu o requirido pola Comisión Europea”.
Ao respecto, Ana Miranda explicou que recentemente mantivo unha reunión técnica co gabinete da Comisaria de Transportes para coñecer o plan de acción enviado polo goberno español. “O que nos din é que o plan de acción está xa entregado e que está a Axencia Ferroviaria Europea revisándoo, polo que nuns meses saberemos se cumpre os requisitos que impuxo a Axencia Ferroviaria Europea no informe de 2016”, sinalou.
Sen responsabilidades políticas
“Estes meses van ser clave porque saberemos se o procedemento de infracción se pecha ou continúa. Nós queremos que se cumpra coa lexislación e non se produza un accidente como o de Angrois”, salientou a eurodeputada do Bloque, ao tempo que criticou que nestes dez anos aínda non haxa asumidas responsabilidades políticas fronte ao recente accidente de Grecia, onde si houbo dimisións.
”Aquí sigue sen haber responsabilidades políticas, un xuízo aberto dez anos despois, un procedemento de infracción aberto en Bruxelas”, apuntou, lembrando en resposta aos medios a actitude do ex ministro José Blanco e a ex ministra Ana Pastor, “que buscaron cubrirse en ambos gobernos cando tiveron a oportunidade de cambiar as normativas de control de riscos e de dar a cara”. “Para eles este tema pasou sen pena nin gloria, pero para nós é de gran transcendencia política e ética e non ten caducidade”, engadiu.
“Entendemos que despois de dez anos dun accidente con 81 persoas falecidas e 140 feridas non se dirimiran aínda as responsabilidades políticas entendemos que é un absoluto escándalo, cando vemos que noutros casos si se producen”, manifestou Goretti Sanmartín ao respecto, quen apuntou que “é escandaloso que teñan que ser as vítimas e organizacións políticas como o BNG as que están esixindo comisións de investigación independente e as que estean reclamando que penalmente haxa xustiza”.
Tanto Miranda como Sanmartín fixeron un chamamento a ver o documental “Frankenstein 01455”, do director Aitor Rei, “moi potente, moi forte, que demostra cales foron os erros que houbo para un accidente que puido ser evitable claramente, cun sistema de seguranza que agora se está falando de implantar”. Ao respecto, a portavoz municipal do Bloque sinalou que esta peza foi premiada e Cineuropa e pola contra censurado nas televisións públicas como TVG ou TVE. “Polo tanto pensamos que proxectalo unha e outra vez significa contribuír a levantar ese veto de censura para que o conxunto da poboación coñeza a verdade do accidente de Angrois”, subliñou.
Afecto ás vítimas
Por outro lado, Ana Miranda quixo expresar o seu apoio e afecto ás vítimas do Alvia “nestes momentos tan duros” como son os que están vivindo no xuízo que se está celebrando en Compostela e no que están voltando a revivir o accidente no que perderon aos seus familiares ou amizades. “Agardemos que saia unha sentenza exemplificadora, aínda sendo conscientes de que non están os principais implicados e responsables nesa causa penal”, indicou.