O BNG conmemora a primeira sentenza en galego e reclama o seu uso na Xustiza

Ana Pontón

A deputada, Ana Pontón presenta unha iniciativa con dez medidas urxentes para normalizar o galego no ámbito xudicial

A parlamentaria do BNG, Ana Pontón presentou hoxe, ante os medios de comunicación, unha proposición non de lei na que reclama dos poderes públicos, “garantir o dereito do uso da lingua galega en calquera procedemento da Administración de Xustiza, ben en proceso, xudiciais, notariais e rexistrais ou de forma oral e escrita”.

No 30 aniversario da primeira sentenza en galego, “data simbólica da exclusión da lingua galega durante séculos no ámbito da Xustiza”, resulta un bo momento, dixo, para “reclamar medidas contra a marxinación do galego na Xustiza”.

A parlamentaria explicou que o primeiro texto xurídico data de 1228 ditado por Alfonso IX e o último unha resolución ditada no Mosteiro de Melón, en 1529. En marzo do ano 1985, “rompese a exclusión dos séculos escuros” que mantiña a lingua galega fora do ámbito xudicial coa primeira sentenza en lingua galega.

30 anos da primeira sentenza en galego

Lamentabelmente, manifestou, nestes trinta anos non foi impulsado o labor de normalización da lingua galega na Xustiza e o que temos “é unha foto fixa” e regresións no ámbito xudicial provocan na práctica a súa exclusión coa “complicidade” da Xunta de Galiza.

A deputada insistiu en reclamar que se cumpra o Plan de Normalización da Lingua galega para que todas as reclamacións xudiciais poidan ser formuladas en galego.

De 10.000 sentenzas, só 150 en idioma galego

Pontón cualificou os datos sobre as sentencias xudiciais de “desoladores” ao confirmar que só o 3% son emitidas en galego e o último dato do ano 2009 reflicte que das 10.000 sentenzas foron publicadas, só 150 en lingua galega. Por outra parte, tamén denunciou o “apagón informativo” da Xunta sobre os datos do uso do galego na Xustiza.

A Irmandade Xurídica Galega, dixo, reflicte que só o 5% dos xuíces/as utilizan o galego de maneira habitual, e grazas, recalcou ao “compromiso, empeño e esforzo” deses 15 ou 20 maxistrad@s así como o do persoal da Xustiza a pesar de que supón un “duplo esforzo” no seu traballo.

Menos placas conmemorativas e máis medidas que normalicen o galego na Xustiza

Entre as medidas que presenta a proposición non de lei nacionalista, Pontón destacou: “ reformar a lei do Poder Xudicial para que os xuíces/as deban acreditar o dominio da lingua galega, unha resolución da Xunta que regule o uso do galego no ámbito xudicial normalizando os textos e unha normativa para establecer que as notarías formulen os documento en galego”.

Finalmente, a parlamentaria insistiu que é moi importante conmemorar a primeira sentenza en galego pero advertiu que “de nada vale poñer placas se non rompemos coas barreiras que seguen discriminando o galego na Xustiza”.