O BNG conmemora a aprobación do Estatuto de 1936 reclamando un novo marco político para Galiza
Ana Pontón citou a Casal, Miramontes e Bóveda para recoñecer a quen loitou contra a ditadura e proclamou que “sería indecente indemnizar aos herdeiros do Franquismo por devolver o que roubaron ao pobo galego”
Pon en valor o informe histórico e xurídico elaborado a instancias da Deputación da Coruña e o traballo da Xunta pro devolución do Pazo de Meirás
O BNG conmemorou o 82 aniversario da aprobación do Estatuto do 36 cun acto simbólico diante da Imprenta Nós, que dirixira Anxel Casal na compostelá rúa do Villar, acto que a formación nacionalista aproveitou para reclamar un novo status político para Galiza que a recoñeza como nación con capacidade real para decidir en todos os aspectos claves para o país.
Igual que o Partido Galeguista levou a dirección política do proceso estatutario fai oito décadas, hoxe corresponde ao BNG, herdeiro desa tradición, impulsar ese cambio.
“Esa é tamén a responsabilidade que hoxe ten o nacionalismo galego: Levar o impulso político e social dun proceso que nos permita acadar un novo status político para Galiza nos vindeiros anos, que nos recoñeza como nación con capacidade para decidir sobre aspectos clave da nosa sociedade, é dicir, que nos dote de novas ferramentas para mellorar a vida da xente. Un proceso que teña como único límite a soberanía política que alcancen Euskadi e Catalunya, nin un chanzo menos”, salientou a portavoz nacional, Ana Pontón.
Unha responsabilidade que non é “doada”, como tampouco o foi no seu día para o PG, “pero está nas nosas mans coller o futuro do país con ilusión e crear confianza nas posibilidades de Galiza”, recalcou, tras animar “a confiar en nós mesmas e defender un novo marco político que nos permita vivir mellor, ter máis benestar, desenvolver a nosa lingua e cultura e dialogar en pé de igualdade co resto do mundo”.
Capacidade de decidir “para acabar cun modelo de financiamento que fai que o Estado recuade máis do que inviste neste país, para blindar dereitos sociais e laborais, e poñer fin ás contarreformas que precarizan e empobrecen á clase traballadora, para acabar coa vergoña de ter as pensións máis baixas do Estado”.
Pontón tamén salientou que unha Galiza soberana podería construír “unha xustiza digna de tal nome, e non a xustiza española que encadea a políticos cataláns, mentres deixa na rúa a esa manada condenada por violación”, denunciou, ao tempo que parabenizaba ao Concello de Pontevedra pola iniciativa de declarar persoas non gratos aos acusados que, avanzou, o BNG trasladará ao Parlamento.
A dirixente do Bloque concluíu facendo un chamamento “as todas as persoas que queren igualdade real, que queren un modelo económico sustentábel, que traballan por unha economía ao servizo das persoas, todas esas persoas teñen no BNG a súa alternativa. Porque o nacionalismo é o punto de conexión necesario para construír unha Galiza xusta e igualitaria”.
Memoria histórica
No acto de conmemoración da aprobación do Estatuto de Galiza de 1936, Pontón fixo un recoñecemento expreso a persoas como Anxel Casal, María Miramontes, Castelao ou Bóveda, pero tamén as vítimas do Franquismo que, 43 anos despois da morte do ditador, aínda non recibiron a merecida compensación e restitución, ao tempo que subliñaba a oposición do BNG a indemnizar aos herdeiros de Franco pola devolución dos bens roubados ao pobo galego.
“Desde aquí, desde este lugar onde estivo a imprenta NÓS, quero deixar claro que o BNG non vai permitir que os herdeiros do Franquismo reciban nin un só euro do pobo galego, nin un só euro público polo feito de devolver os bens roubados ao eu lexítimo dono. Unha indemnización aos herdeiros de Franco sería un insulto á vítimas, unha labazada á súa memoria, intolerable e indecente”, recalcou, citando expresamente a devolución do Pazo de Meirás, a Casa de Cornide e as estatuas de Abraham e Isaac.
Neste sentido, Pontón puxo en valor o informe elaborado desde a Deputación da Coruña, impulsado pola vicepresidenta Goretti Sanmartín e pola Xunta pro devolución do Pazo de Meirás, e fixo un recoñecemento aos militante nacionalistas denunciados pola familia Franco por reclamar a devolución do Pazo de Meirás.