BNG confirma que o PP non está disposto a negociar o plan de traballo da comisión de investigación porque tan só ofrece vetos

Luís Bará

O plan do PP amosa que Feijóo non quere comparecer e que manobra para impedir que o fagan a súa irmá e o seu cuñado ou o compañeiro de Ayuso

Luís Bará recoñece que as posturas están moi afastadas pola negativa do PP a negociar a lista de comparecentes, algo inédito no Parlamento galego

O viceportavoz do BNG Luís Bará denunciou a falta de vontade do PP para chegar a un acordo sobre o plan de traballo da comisión de investigación sobre os contratos baixo sospeita da Xunta, e recoñeceu que as posturas están “moi afastadas” porque o PP o único que ofrece son vetos, algo inédito na historia do Parlamento galego.

“O PP ten claramente decidido establecer vetos a comparecentes, persoas concretas que por distintos motivos non quere que pasen pola comisión”, denunciou tras o encontro que mantiveron os grupos parlamentarios atendendo á convocatoria feita polo BNG para intentar chegar a un acordo.   

O deputado nacionalista referiuse, en concreto, ao veto dos populares á comparecencia do actual líder do PP, Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta durante os anos nos que se asinaron a meirande parte dos contratos que van ser obxecto de investigación. Segundo asegurou, é o propio Feijóo, dende Génova, quen está “dirixindo a distancia” os movementos do PP en Galiza, porque non quere comparecer no Parlamento e porque pretende impedir que, tal e como pide o BNG, o fagan tamén a súa irmá Micaela Núñez ou o seu cuñado, Ignacio Cárdenas. A primeira como directora de Eulen en Galicia e o segundo como directivo de Universal Support, dúas das empresas coas que se asinaron contratos baixo sospeita.

“É absolutamente incomprensible e surrealista que o PP non permita que compareza quen foi presidente da Xunta entre 2009 e 2022 cando se van investigar as contratacións de todo ese período”, asegurou Bará, lembrando que, pola contra, os populares propoñen a comparecencia de cargos de etapas anteriores ou incluso de outras administracións.

Bará acusou así o PP de limitar o número de comparecentes e censurar “nomes concretos” dos solicitados polo resto de grupos parlamentarios, nomeadamente polo BNG, tanto de cargos con responsabilidades políticas como empresariais, “persoas clave -engadiu- para explicar as relacións entre as empresas beneficiarias dos contratos e a Xunta”.

“Na maior parte dos casos coincide que son familiares directos de cargos do Partido Popular”, dixo, aludindo así non só a irmá e o cuñado de Feijóo senón tamén, entre outros, o compañeiro sentimental de Isabel Díaz Ayuso, o empresario Alberto González Amador, pola súa relación con Mape Asesores.

Luís Bará desvelou o intento do PP de que sexan as propias empresas as que designen quen debe comparecer na Cámara galega, “unha auténtica distorsión e perversión do funcionamento de calquera comisión de investigación tanto neste como noutros Parlamentos”, afirmou.

Explicou, finalmente, que o BNG agardará á reunión da comisión de investigación convocada de forma urxente para esta tarde, pero xa advertiu que a proposta de plan que quere impor o PP “é unha burla e un atropelo maiúsculo” coa que intentar deturpar o obxectivo da comisión creada a instancias dos 25 deputados nacionalistas.