galegas 2024

BNG confirma que asistirá a todos os debates e pide a Rueda que non se esconda e acepte un cara a cara con Pontón

Rubén Cela
Ve no escapismo de Rueda unha mostra de debilidade do candidato do PP e insiste en que os debates son un dereito da cidadanía e non dos partidos

O BNG subliña que asistirá a todos os debates aos que sexa convocado ao entender que se trata dun dereito da cidadanía e non unha prerrogativa dos partidos políticos, dereito no que os medios de comunicación públicos xogan un papel determinante, e así llo transmite o director de campaña, Rubén Cela, en resposta á carta remitida pola secretaria de comunicación do PP.

Neste sentido, a formación nacionalista confirmou xa a participación da súa candidata á Presidencia da Xunta nos debates anunciados tanto pola CRTVG como pola CRTVE, -ademais doutros medios privados-. Mentres, o candidato do PP, Alfonso Rueda, segue gardando silencio en relación a práctica totalidade dos debates xa convocados, nunha actitude escapista que só pode ser interpretada como unha mostra de debilidade consciente de que a xestión de catorce anos de Partido Popular presenta un balance nefasto para Galiza.

O BNG tamén insiste, e así llo traslada ao PP despois de ter remitido unha carta á dirección da CRTVG, nun cara a cara entre Ana Pontón e a Alfonso Rueda, por representar ás forzas políticas con máis posibilidade de liderar o próximo goberno de Galiza.

Un modelo de debate habitual en multitudes de países e que, sen ir máis lonxe, a cidadanía puido ver nas pasadas eleccións xerais entre o candidato e presidente do Goberno do Estado, Pedro Sánchez, e o candidato e líder da oposición a nivel estatal, Alberto Núñez Feijóo. Debate, indica Cela, que non precisou ningunha consulta entre os grupos do multipartito da dereita e da extrema dereita para determinar quen debía acudir e, da mesma maneira, o cara a cara Pontón-Rueda só precisa que o Partido Popular acepte, “e alí estaremos”, subliña Cela.

 

“Tal e como fixemos público en reiteradas ocasións, o BNG acudirá a cantos debates se nos convoque, porque contrastar proxectos políticos é un dereito da cidadanía co que estamos plenamente comprometidos e comprometidas. Agardamos que o señor Rueda non se agoche e teña o mesmo compromiso democrático cos galegos e coas galegas”, conclúe o director de campaña en resposta á misiva popular.