O BNG condena o asasinato machista de Vigo e insta aos partidos a elaborar o Estatuto do Feminicidio

O BNG condena o asasinato machista de Vigo

O BNG  insta a todos os partidos políticos, que se presentan ao 20D, incluír no seu programa electoral a elaboración do "Estatuto de vítima de Feminicidio"

A deputada do BNG, Carme Adán anuncia que o BNG creará un grupo de traballo co Movemento feminista e mulleres expertas en violencia de xénero para iniciar o “Borrador do Estatuto da vítima de Feminicidio”

 O BNG condena enerxicamente o novo asasinato dunha muller por violencia de xénero, rexistrado a pasada madrugada na cidade de Vigo e reclama que todas as organizacións políticas que se presentan ás eleccións do 20D, anuncien o compromiso de incluír no seu programa electoral “a elaboración dun Estatuto da Vítima de Feminicidio”.

Na comparecencia ante os medios de comunicación, a nacionalista avanzou que o BNG constituirá, nos vindeiros días, un grupo de traballo con representantes do Movemento feminista e mulleres expertas en violencia de xénero para iniciar, “de maneira urxente”, o borrador do Estatuto da Vítima de Feminicidio para garantir as axudas sociais, psicolóxicas e económicas e establecer “medidas reais” de protección contra a violencia machista.

A nacionalista insistiu na necesidade de reforzar as  medidas de apoio e salientou que na cidade de Vigo prodúcese “unha denuncia cada 8 horas” por violencia machista polo que esixiu “crear novos xulgados nesta materia” e dotar de máis medios e recursos humanos os xa existentes.

Por outra parte, preguntou que acorrería se en vez de ser mulleres as asasinadas foran directivos de empresa, con toda probabilidade, dixo, Feijóo tería convocado xa “un gabinete de crise”. Estamos agardando, dixo, unha resposta do Goberno galego ante os casos de violencia machista rexistrados nos últimos días en Galiza, “menos minutos de silencio nas institucións e máis medidas e recursos para a loita contra a violencia de xénero”, remarcou.