O BNG está comprometido na batalla contra a Troika cunha alternativa soberanista

A formación nacionalista participou na mobilización europea dos pobos contra a Troika convocada tamén en diversas vilas e cidades galegas

Santiago de Compostela, 1 de xuño de 2013.- O portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, afirmou na praza Roxa de Santiago de Compostela, ao inicio da mobilización europea dos pobos contra a Troika convocada tamén en diversas vilas e cidades galegas, que o BNG está comprometido “nesta batalla que erguemos dende Galiza cunha alternativa soberanista, porque é o que precisamos recuperar: a capacidade de decisión fronte aos mercados e fronte á Troika, para comezar a reconstruír o tecido produtivo e a sociedade do benestar que precisamos”.

Dende Galiza, o BNG quere sumarse ao movemento contra a política da Troika -Comisión Europea, Banco Central Europeo e FMI- que derruba a economía de toda Europa e o proxecto europeo “porque arruínan a vida da periferia europea”, afirmou o portavoz nacional do BNG.

“De aí que sexa necesario que os países reaccionen contra o capitalismo neoliberal que demolen os dereitos, a vida, o futuro dos países e das vindeiras xeracións”, explicou Xavier Vence.

Na mobilización, ademais doutras entidades e colectivos, participaron membros da Executiva Nacional do BNG, así como outros cargos orgánicos e institucionais da formación nacionalista.

Galería de imaxes da participación do BNG nas vilas e cidades galegas