BNG comprométese á humanización do casco histórico de Maceda protexendo o seu valor patrimonial
Mellorar a accesibilidade do casco histórico, pór en valor o seu patrimonio e mellorar a súa rede de abastecemento e saneamento das augas: os obxectivos do BNG na modificación do proxecto
“Un goberno do BNG á fronte da Xunta de Galiza atenderá as demandas da veciñanza de Maceda e porá en valor o seu patrimonio” afirma Iago Tabarés
A organización nacionalista ve o 18-F como unha oportunidade histórica para que haxa un cambio galego e que o BNG estea liderando o goberno “é a garantía de que as demandas da veciñanza de Maceda se escoiten e se atendan”. Neste sentido, o BNG avanza que modificará o proxecto de humanización do casco histórico de Maceda con tres obxectivos chave: mellorar a rede viaria e a accesibilidade, pór en valor o gran patrimonio cultural e corrixir as deficiencias que presenta a rede de abastecemento de auga e o saneamento das residuais.
A cabeza de lista do BNG ao Parlamento de Galiza, Noa Presas, e os candidatos 2 e 3, Iago Tabarés e Sonia Vidal, manteñen unha reunión co tenente de alcalde de Maceda, Celso Sánchez, e a concelleira Begoña Conde, para falar sobre o proxecto comezado pola Xunta de Galiza para a capa de rodadura e reparación de beirarrúas e mellora da accesibilidade en Maceda. En concreto, no casco histórico
Segundo lembra a organización nacionalista, o acondicionamento e mellora viaria, demandada desde hai tempo, atinxe ao casco histórico de Maceda que, polo seu gran valor patrimonial está protexido polo propio Plan de Urbanismo do Concello. No concreto, a intervención estase a desenvolver nas dúas rúas principais, Aureliano Ferreiro e As Canteiras.
“Estamos a constatar a existencia de importantes deficiencias na execución da obra” subliña o candidato do BNG por Ourense. Iago Tabarés sinala que, no proxecto formulado polo Partido Popular na Xunta de Galiza, continúa “sen estar garantido o respecto ao valor patrimonial e cultural da vía· e tampouco se contempla ·a reposición do adoquinado”. Segundo explica Tabarés, a substitución dos lastros por formigón compromete tamén a seguridade peonil, unha afectación estética e empeora a calidade medioambiental da vila.
O BNG, continúa Tabarés, comprométese a modificar o proxecto e a protección do valor histórico do espazo, o respecto á seguridade viaria e a mellora da calidade medioambiental. “Un goberno do BNG á fronte da Xunta de Galiza atenderá as demandas da veciñanza de Maceda e porá en valor o seu patrimonio, así como garantirá a seguridade viaria na vila” asevera.
Traballo intenso do BNG durante a anterior lexislatura
Segundo lembra o candidato Iago Tabarés, o BNG xa levou en varias ocasións esta cuestión ao Parlamento de Galiza e forzou a modificación prevista en diversas rúas do casco histórico da vila de Maceda e de infraestruturas necesarias para o benestar da cidadanía.