O BNG comprométese a blindar a sanidade pública galega e reforzar o cadro de persoal de Ourense
A cabeza de lista do BNG por Ourense, Noa Presas, mantivo unha xuntanza con enfermeiras e enfermeiros do REA para escoitar as demandas e problemáticas do colectivo arrastradas durante estes once anos de desmantelamento da sanidade pública levados a cabo polo PP. Presas destacou o compromiso da organización nacionalista de blindar a sanidade pública “como un dereito” e a reforzar o persoal da sanidade.
Tras anos de desprezo por parte da xerencia ante as demandas do persoal sobre a falta de enfermeiras de reanimación a organización nacionalista reuniuse con elas para escoitar as súas problemáticas e trasladarlle o seu apoio. A unidade de Reanimación do CHUO atende a totalidade de doentes críticos cirúrxicos e politraumatizados de Ourense e mesmo é habitual que acollan ás pacientes do sur de Lugo. Esta unidade conta cunha dotación de 12 camas ampliábeis até 14.
Tanto a directora de enfermería coma o xerente, continúan a “mirar cara outro lado sobre a dotación de enfermería que marca o propio Ministerio de Sanidade dunha enfermeira para cada dous doentes críticos” “Cando hai menos pacientes que atender, moitas veces chaman para que algunha de nós non vaia traballar para cumprir a medida pero cando hai máis pacientes que o establecido, non chaman a ningún reforzo” sinalaron as sanitarias.
Pola súa banda, Presas comprometeuse a que, a partir do 12X, cando o BNG lidere o cambio político, se cumpran os acordos establecidos de reforzar o persoal cando fose necesario respectando o criterio técnico e obxectivo das enfermeiras. “Están coidando da saúde de todas e de todos nós, non podemos non escoitalos e menos converter á REA nun servizo de segundo nivel” apuntou Presas.
A candidata apuntou á necesidade dun reforzo do persoal sanitario despois da crise da COVID-19 porque “moitas citas foron aprazadas ao igual que moitas intervencións cirúrxicas” e ve como prioritario que a sanidade pública conte cun aumento no persoal tanto nas quendas de “mañá como de tarde” para facer fronte á lista de espera que se creou tras a pandemia. Asemade, o reforzo de persoal tamén atendería “ás necesidades físicas e psicolóxicas do persoal que enfrontou á crise do coronavirus”.