O BNG comparte co Sinn Féin que a soberanía é a ferramenta para o progreso e a xustiza social

Xavier Vence e Gerry Adams

O portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, asiste en Derry á asemblea anual do Sinn Féin que se celebra esta fin de semana baixo o lema Make change co obxectivo de alumear unha nova república de Irlanda unida, como así o expresaron tanto o presidente da formación, Gerry Adams, como o vice ministro Principal de Irlanda do Norte, Martín MacGuinnes, convencidos de que o SF será o partido máis forte en todo o país nos próximos comicios.

O BNG considera un estímulo o avance do soberanismo en diferentes pobos de Europa, incluído Irlanda, como a mellor ferramenta para avanzar no progreso e na xustiza social, que debe traducirse en desenvolvemento económico, emprego e benestar para a maioría social. “A soberanía vai unida ao progreso económico e a xustiza social”, subliña Vence.

A participación do Bloque nesta asemblea anual do SF permite estreitar relacións de colaboración coa formación irlandesa tanto no Parlamento europeo como para intercambiar experiencias de goberno a nivel local e nacional. “Compartimos unha visión crítica do modelo neoliberal que domina a UE”, destaca o dirixente nacionalista.

Os títulos dos relatorios e dos discursos dos e das principais referentes políticas do Sinn Féin afondan na idea da unidade nacional, da reconciliación e da paz, e dunha Irlanda unida no horizonte de 2016, obxectivos todos que comparte e apoia o BNG para o pobo irlandés, do mesmo xeito que aspira a unha Galiza soberana que marque o rumbo do seu futuro sen ningunha imposición nin do Estado central, ni dos poderes da UE.

Vence mantivo encontros con MacGuinnes e Adams no marco das entrevistas que ambos líderes celebraron con representantes políticos das delegacións internacionais convidadas polo Sinn Féin.