O BNG chama a trasladar á Xunta de Galiza o espírito que prendeu en Molgas e Allariz o 12X
O BNG ven de celebrar un encontro coas veciñas e veciños do Concello de Baños de Molgas onde participou a cabeza de lista da formación nacionalista, Noa Presas. A organización quere trasladar á Xunta de Galiza o vindeiro 12X o espírito de Molgas e Allariz e que exista un cambio galego liderado por Ana Pontón como a primeira presidenta do país. Presas reclamou máis capacidade “para gobernarnos a nós mesmas” exemplificándoo coa xestión do Arnoia, que depende de Madrid.
Noa Presas alentou á veciñanza de Molgas a confiar no BNG o vindeiro 12X. Unha forza política “sen ataduras a Madrid” que se presenta a estas eleccións co convencemento e o proxecto necesario para “liderar este país”. “Somos moitas as que pensamos que Ourense merece máis e temos o exemplo neste concello, en Molgas prendeu o espírito de Allariz e o 12X ten que prender en todo o país cun cambio galego liderado por Ana Pontón” destacou a candidata.
Por outra banda, Presas lembrou a grave situación vivida nas residencias de maiores en Ourense e agradeceu o papel do actual alcalde, Xaime Iglesias, que estivo “pendente e axudo a moitas familias a saber como estaban os seus no centro especial habilitado pola Xunta”. Así mesmo, exemplificou a posta en valor e a recuperación do patrimonio arqueolóxico, tema que no goberno galego deixa de lado constantemente.
Verdade, xustiza e reparación a partir do 12X
Presas tamén se comprometeu a volver a reclamar unha Comisión de Investigación sobre o acontecido nas residencias de maiores na circunscrición de Ourense. O compromiso, adquirido desde o primeiro minuto desde a organización nacionalista, será a primeira iniciativa que presentarán na cámara galega. Así mesmo, coñeceron que a xustiza está actuando para coñecer o que pasou nas residencias.