O BNG chama á sociedade galega a mobilizarse en apoio do pobo catalán
O BNG manifesta a súa fonda preocupación e o seu contundente rexeitamento fronte a gravísima escalada represiva vivida nas últimas horas en Catalunya, que a portavoz nacional, Ana Pontón, cualificou de “aberración democrática” do Goberno do Estado “que ten pasado todas as liñas vermellas coa detención de altos cargos da Generalitat única e exclusivamente porque queren que a xente vote”.
Para a Bloque non cabe outra definición antes estes feitos que falar de golpe de Estado contra o Goberno e as institucións propias de Catalunya. A detención de persoas, o asalto ilegal en departamentos do Executivo da Generalitat e a persecución política contra os lexítimos representantes dunha parte maioritaria do pobo catalán esixen que as persoas demócratas ergan a voz para denunciar este auténtico estado de excepción non declarado.
A portavoz nacional expresou “a solidariedade máis firme a todas as persoas que están sendo perseguidas por defender ideas democráticas, a solidariedade co pobo catalán e dicirlle que estamos coa man tendida para defender unha demanda e unha reivindicación xusta”. “O PP está pasando todas as liñas vermellas e o BNG vai denunciar esta situación en todos os ámbitos e vannos ter enfronte ante unha actitude que non é tolerable nun sistema democrático”, recalcou.
A dirixente do Bloque chama a atención sobre o feito de que no Estado español sexa legal facer apoloxía do franquismo e exaltar a figura do ditador, mentres se persigue a responsables políticos polo mero feito de defender o dereito a votar do pobo catalán.
Desde a Executiva Nacional, o secretario de Organización, Bieito Lobeira, afirmou que o acontecido demostra que no Estado español “non hai democracia nin se permite o contraste de ideas, e asistimos a asaltos por parte de efectivos da Garda civil en redaccións de xornais, imprentas e en departamentos do Goberno democrático de Catalunya”.
Esta escalada represiva, alega, “coloca ao Estado español na listaxe negra dos réximes totalitarios”, de aí tamén o chamamento a saír a rúa “sen medo” participando nas concentracións convocadas ás 20.00 horas ante as subdelegacións do Goberno central na Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra.
Na liña do exemplar comportamento que a sociedade catalá leva mostrando desde hai anos, agora máis que nunca toca actuar con firmeza, serenidade e unidade ao redor da defensa dos dereitos e da democracia fronte as actuacións demofóbicas do Estado español.