O BNG chama á sociedade a encher as rúas de Compostela o domingo en defensa do galego

O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, e a portavoz de Lingua, Ana Pontón, ofreceron esta mañá unha rolda de prensa para animar á poboación a acudir á manifestación convocada pola plataforma “Queremos galego” este domingo, ás doce da mañá.

O líder do BNG apuntou que a estratexia do PP contra o idioma é “deliberada, porque queren acabar con calquer signo de identidade” e lamentou a necesidade de seguir mobilizándose en defensa do idioma.

Guillerme criticou que os dirixentes do PP “afirman querer o galego mentres adoptan todas as medidas á súa man para erradicalo”, ao tempo que criticou o proceso “reespañolizador” dirixido polo goberno central.

Delincuente reincidente

A portavoz de Lingua do grupo parlamentar, Ana Pontón, cualificou a Feijóo de “delincuente reincidente”, dado que, malia as sentenzas existentes contra o decreto do plurilingüismo “xa anunciou que non ten pensado rectificar, malia que os tribunais digan que cometeu unha ilegalidade”.

A deputada fixo un chamamento á participación na manifestación do vindeiro domingo por ser “unha cita para todas as persoas que defenden o galego, que queren o galego e que ven a urxente necesidade de pararlle os pés ás políticas de ataque á nosa lingua que protagoniza o PP”.

Tal e como enfatizou Pontón, estamos ante unha política deliberada, que vai “contra o sentido común e incumpre a legalidade vixente xa que o denominado decreto do plurilingüismo acumula xa sete sentenzas en contra que tumban os seus alicerces”.

“Só con presión social podemos parar esta política”, dixo a portavoz de Lingua, ao tempo que anunciou que o BNG tamén vai traballar nas institucións presentando iniciativas para pedir a derogación do decreto, o cumprimento do Plano Xeral de Normalización da Lingua e a retirada da lei Wert.

Finalmente, Ana Pontón lembrou tamén que o PP non só utiliza medidas ilegais para atacar o idioma, senón que practica “unha política de asfixia económica a calquer medida de normalización do idioma e lle adica a estas políticas 5,7 millóns de euros a estas políticas, apenas un tercio do que lle dedicaba en 1993 o goberno Fraga”.

 

 

http://youtu.be/rpeHjPn0vxU