O BNG chama a insubmisión contra o pagamento do tax lease

Na rolda de prensa posterior á reunión do Consello Nacional do Bloque Nacionalista Galego, o portavoz nacional, Xavier Vence alertou de que o pagamento do tax lease suporá un “golpe mortal” para o noso sector naval e, en xeral, para a economía do país, dados efectos que ocasionará no tecido industrial, comercial e social que rodea o naval. Explicou que para valorar o impacto da medida hai que coñecer que os 3.000 millóns de euros no que se estima o custo da medida é superior ao volume dos fondos estruturais que a Unión Europea lle transferirá a Galiza nos próximos 7 anos.

Este problema, advertiu, non é o resultado dunha medida puntual adoptada polo señor Almunia, senón que é froito do deseño neoliberal da política económica e industrial da UE, contrario ao desenvolvemento da economía produtiva galega. “O problema central é a política industrial da UE, que aplica cunha crueldade estrema o dogma neoliberal, sen ter consideración ningunha pola situación económica desastrosa nin polos efectos que para a economía produtiva teñen estas medidas”, apuntou.

Neste contexto, Xavier Vence puxo de manifesto que “ao BNG non lle chega con que PP e PSOE pidan a dimisión de Almunia, tamén debemos pedir todos a dimisión de Barroso, así como un cambio radical na política económica e industrial da UE”. “Chamamos a insubmisión da cidadanía galega diante destas medidas manifestamente inxustas, aplicadas a un país atormentado pola crise”, salientou.

“A solución pasa por aplicar medidas políticas a un problema político, igual que se fixo no caso de Francia ou Holanda, e nunca pola devolución das axudas, unha devolución que provocaría o afundimento do sector e un dano irreparábel á economía galega”, sinalou.

Balance das políticas económicas do PP: “Estase a dar unha auténtica enxurrada de emigrantes que poñen de relevo o fracaso da política económica e laboral da Xunta e do Goberno central do Partido Popular”

Na rolda de prensa, o portavoz nacionalista expuxo o balance que o Consello Nacional fixo das políticas económicas aplicadas estes meses polo Partido Popular. “Falamos de políticas cuns efectos desastrosos, como demostra a sangría demográfica do país, co aumento explosivo da emigración, tamén de xente nova e cualificada”, apuntou. “Estase a dar unha auténtica enxurrada de emigrantes que poñen de relevo o fracaso da política económica e laboral da Xunta e do Goberno central do Partido Popular”, denunciou. “A emigración é a mellor fotografía do resultado da aplicación das políticas neoliberais, que teñen efectos devastadores para as persoas e os países”, engadiu.

Tamén sinalou Xavier Vence que a pobreza á que estamos abocados maniféstase nas rúas, onde cada vez é máis frecuente ver casos de mendicidade e situacións de precariedade extrema. Citou o caso da estafa á que se viron sometidos os preferentistas, coa perda dos aforros persoais, pero tamén de 600 millóns de euros de aforro consolidado para a economía galega. Tamén aludiu á falta de crédito para as empresas e ás tarifas eléctricas inxustas, froito da privatización do sector e de agasallos concedidos aos propietarios das eléctricas. “De novo, a banca, pon contra as cordas o noso tecido produtivo”, advertiu.

“A comisión de investigación das caixas é unha comisión de ocultación”

Ademais, Xavier Vence tamén se referiu na rolda de prensa á comisión de investigación das caixas no Parlamento de Galiza, unha comisión que cualificou “de ocultación”, en vez de ser de investigación. Para o BNG, tal e como expuxo o nacionalismo, “esta comisión reflicte a complicidade do Sr. Feijóo co proceso de desmantelamento do sistema financeiro galego, que sempre respondeu a un plan da banca para conquistar o mercado e o aforro das caixas e a eliminación das competencias da Xunta sobre o sector financeiro”.

Advertiu o portavoz nacional de que o Partido Popular “intenta ocultar información clave que revela a existencia deste plan de bancarización, recentralización e eliminación do sector financeiro galego”. “Esta información permite coñecer como a estafa das preferentes formou parte desde o principio do plan de negocio da nova entidade”, salientou.

Xavier Vence asegurou que “Feijóo tamén coñecía as remuneracións extraordinarias e indemnizacións millonarias que ían percibir os directivos das caixas”. De aí que o acusara de ser o principal responsábel da desaparición do sistema financeiro galego e dos efectos perversos que está a ter o proceso de reestruturación.

Tal e como afirmou o portavoz nacional, o BNG quere que na comisión das caixas se esclareza a verdade do proceso de reestruturación e que se evidencie a necesidade absoluta de dispormos dun sistema financeiro propio, que para o BNG pasa pola constitución dunha banca pública galega.

“As eleccións europeas son unha cita fundamental para que a cidadanía galega se pronuncie sobre a consideración da UE como unha condena para o noso desenvolvemento económico e social”

Sobre as eleccións europeas, Xavier Vence sinalou que o drama o tax lease, das preferentes, da destrución da economía produtiva, do sector agrario e pesqueiro... pon de manifesto a importancia que as decisións que adopta a UE ten sobre as nosas vidas. De aí que expuxera que as vindeiras eleccións ao Parlamento europeo representan unha cita fundamental para que a cidadanía galega se pronuncie sobre estas políticas neoliberais e sobre a necesidade de reformar as institucións e a dirección das políticas europeas e sobre a consideración da UE como unha condena para o noso desenvolvemento económico e social.

Desde o BNG, sobranceou, facemos un chamamento a sumar esforzos na conformación dunha candidatura electoral aos comicios en clave soberanista e de esquerdas, que defenda os intereses de Galiza no Parlamento europeo e combata as políticas neoliberais da Comisión, como veu facendo Ana Miranda como europarlamentaria do BNG.

Campaña do Día da Patria: “Galiza pola soberanía

Por último, Xavier Vence deu conta da campaña que o BNG vai desenvolver ao longo de todo o mes con motivo do 25 de xullo, día da Patria galega. Sinalou que “Galiza quere seguir viva. Galiza quere ter futuro. O futuro de Galiza como país pasa pola aplicación efectiva da soberanía” e revelou que “Galiza pola soberanía é o lema elixido polos nacionalistas para este ano.

Salientou o portavoz nacional que “o BNG quere que a manifestación do 25 de xullo sexa unha mobilización de todo o pobo galego consciente da situación económica, política, social e institucional estrema que esta a vivir o noso país e de todo o pobo galego consciente da necesidade de impulsar políticas que cambien este rumbo desastroso”.