BNG chama o Goberno a reconsiderar o proxecto do Vial-18 en Culleredo e abrirse a outras opcións de menor impacto

Néstor Rego

“No canto de optar por enlaces máis racionais e menos custosos, o Ministerio opta por este proxecto que que require maior investimento e terá un impacto máis grave na veciñanza da zona” denuncia Rego

O BNG reclama ao Ministerio escoller o denominado Vial 2 que propuña conectar a AP-9 co aeroporto de Alvedro desde a área de servizo do Burgo e permitía a conexión coa AC-14

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, vén de rexistrar novas iniciativas nas Cortes do Estado para que o Ministerio de Transportes reconsidere a decisión de levar a cabo o provecto Vial-18 para conectar a autovía AC-14 coa Autoestrada do Atlántico. A organización nacionalista sinala que esta opción terá maior impacto na veciñanza da contorna e demanda ao Ministerio apostar polo denominado Vial 2 que propuña facer conexión da AP-9 co aeroporto desde a área de servizo do Burgo que tamén permitiría ao tráfico procedente da AC-14 entrar na AP-9.

Despois de coñecer a elección do Ministerio de Transportes e Mobilidade Sustentábel de optar polo proxecto do denominado Vial 18 para a conexión entre a autovía AC-14 coa autoestrada da AP-9, o BNG vén de rexistrar iniciativas nas Cortes do Estado. O proxecto, que se xustificou pola necesidade de mellorar o acceso ao aeroporto de Alvedro e desconxestionar do tráfico nas horas punta de entrada e saída da cidade da Coruña, terá un custo estimado de máis de 25 millóns de euros.

“O Ministerio decidiu optar por este proxecto que require de maior investimento e terá un impacto máis grave na veciñanza da zona” lamenta o deputado nacionalista. Néstor Rego, neste sentido, convida o Ministerio de Transportes a revisar o proxecto e atender as alegacións presentadas pola veciñanza e polo BNG de Culleredo ao anteproxecto de Vial 18 para unir a terceira ronda coa AP-9 na Coruña.

No 2015, lembrou o deputado do BNG, foi sometido a exposición pública un proxecto de Vial 18 que contou con numerosas alegacións sociais e do propio concello, pero que nunca foron respondidas. “Non houbo transparencia e non se coñeceron as avaliacións. Logo decidiuse comezar de novo a tramitación desde o inicio, descoñecendo o conxunto das persoas afectadas que era o que estaba mal na documentación inicial” recorda Rego.

Ante esta decisión do Goberno do Estado, alén de requirir a súa reconsideración por parte do Ministerio, o BNG sinala que o proxecto máis adecuado foi o presentado polo Vial 2 que propuña facer a conexión da Autoestrada do Atlántico co aeroporto desde a área de servizo do Burgo e que permitiría ao tráfico procedente da AC-14 entra na AP-9.

“Esta opción de conexión desde a vía de servizo, constitúe unha alternativa máis sinxela e menos custosa que a finalmente elixida e provocará un importante impacto no territorio e na veciñanza que se verá afectada polo trazado desta vía” subliña Rego.

No seu momento o Ministerio respondeu ás alegacións, algunhas das cales propuñan optar polo Vial 2 por ser a mellor opción do punto de vista económico e polo menor impacto no territorio. Porén, o Ministerio mantén que non se pode facer atendendo ás normas e cláusulas fixadas na concesión da AP9, malia que non exista ningunha dificultade técnica.

Neste sentido, o Ministerio concluíu que non era posíbel optar polo chamado Vial 2, xa que necesitaría dunha negociación coa empresa concesionaria para “manter o equilibrio económico-financeiro da concesión”. Deste xeito, afirma que non se pode conectar desde a vía de servizo coa AP-9 sen permiso da concesionaria ou previa compensación, despois de décadas de concesión e “cuxa prórroga está cuestionada con dous expedientes pola UE que a consideran ilegal por ter vulnerado a normativa en materia de contratación pública da Unión Europea”.