O BNG chama "farsante" a Feijóo pola súa postura ante o galego

A deputada, Ana Pontón  cualifica de “nova farsa” que o Presidente da Xunta tente convencernos da boa saúde da lingua galega cando día a día pérdense galegofalantes e a política lingüística da Xunta ataca o seu uso

A parlamentaria e portavoz de Política Lingüística do BNG, Ana Pontón cualificou hoxe de “nova farsa” as declaración de Núñez Feijóo relativas “ao bo momento da lingua galega” e unha constatación da falta de vontade para mudar a política da Xunta contra o noso idioma.

Pontón acusou de “cinismo” o presidente da Xunta e ser o “máximo responsábel” do desastre e negro futuro do galego. Na súa opinión, resulta inconcibíbel que mentres as enquisas e os expertos falan dun problema gravísimo para a nosa lingua, o Presidente da Xunta pretenda facernos ver que está no seu “mellor momento”. As afirmacións de Feijóo son un “insulto á verdade é un exercicio de propaganda inútil”.

O BNG volve a pedir como “mostra de vontade política” derrogar o Decreto do plurilinguismo

A deputada advirte que o Decreto do plurilinguismo “colide frontalmente” co uso do galego e o goberno vai seguir mantendo “esa vergoña”. Agora, explica a deputada, presentase unha “proba de lume” para a Xunta coa posibilidade de demostrar a súa vontade para mudar a política contra o galego. A propia Xustiza, engade Pontón, destacou o “carácter ilegal” do decreto. As organizacións sindicais do ensino tamén o rexeitaron ao igual que as AMPAS, movementos de renovación pedagóxica, miles de persoa nas rúas, Plataforma Queremos Galego, o Consello da Cultura Galega e recentemente a Real Academia Galega.

Para a deputada “non é de recibo” excluír o ensino nas políticas en defensa da linga porque resulta un ámbito relevante das políticas de normalización do idioma. Feijóo pretende manter a “marxinación da lingua galega” coa súa exclusión do ensino infantil, o Decreto lembrou, “case varreu o galego do ensino infantil nas cidades”.

Feijóo en clave electoral

Pontón acusa a Feijóo de dinamitar os acordos do Plan de Normalización da Lingua, e agora ante a grande indignación social demostrada o pasado domingo na multitudinaria manifestación en Santiago de Compostela, e a proximidade dun novo proceso electoral, quere evitar con falsas declaracións, “ unha sangría de votos no Partido popular.

Para a nacionalista, o presidente “non ten credibilidade”, incumpriu o Plan Xeral, a lei de Normalización e a Carta Europea das Linguas Rexionais.

“Estamos ante unha situación dramática e urxe corrixir as políticas que marxinan a lingua galega”. O anunciou de Feijóo parecese a unha tea de araña na quere “enmarañarnos” un ano ou dous coa elaboración de novas medidas pero segue aplicando unha política lingüicida. Para a nacionalista, se Feijóo pretende darlle credibilidade ás ofertas de acordos, o xesto agardado pola inmensa maioría de galegos e galegas é “derrogar o decreto do plurilingüismo e aplicar as medidas acordadas hai dez anos e vixentes aínda a día de hoxe no Plan Xeral de Política Lingüística”.