BNG centrará o vindeiro pleno en medidas contra a violencia machista e o traspaso das competencias de ordenación e xestión do litoral
A viceportavoz do BNG, Olalla Rodil anunciou os asuntos que defenderá o BNG na vindeira sesións plenaria, entre os que destacou a pregunta “urxente” ao goberno sobre a protección das mulleres en situación de violencia machista.
Para a nacionalista, o asasinato de Ana Vanessa Serén en Oia, a segunda muller asasinada en Galiza neste ano e con denuncia interposta e unha orde de afastamento, precisa “dunha reflexión colectiva e sosegada” das posibilidades de mellora na detección e sobre todo protección das mulleres en situación de violencia machista.
“Algo falla se un home cunha orde de afastamento e un nivel de risco medio detectado pode estar durante horas á porta do traballo para matar a tiros unha muller”. Rodil subliñou que urxe “mellorar as valoracións de risco” e sobre todo os mecanismos de protección das mulleres.
A nacionalista aproveito a súa comparecencia, tras a Xunta de portavoces, para trasladar todo “o cariño do BNG á familia e amizades de Ana Vanessa, e a toda á xente de Oia e de Lugo” porque que viviu moitos anos no barrio das Gándaras. Rodil reiterou o “compromiso feminista firme como organización política”, un compromiso, dixo, que esixe “revisar cada caso, analizar os erros e propor melloras para garantir un dereito humano fundamental que o dereito a vivir vidas libres de violencia”.
Lei do BNG para o traspaso das competencias de xestión do litoral
Na vindeira sesión plenaria, o BNG tamén defenderá unha lei para o traspaso de competencias en materia de ordenación e xestión do litoral. Galiza, explicou, a viceportavoz nacionalista, “é a Comunidade Autónoma do Estado coa cifra máis alta en quilómetros de costa”. Concretamente, posúe unha fachada litoral que abrangue 2.555 Km, incluídos os 432 km de illas, 464 km de marismas e 1.659 km de costa.
Esta vasta extensión é crucial para Galiza polo seu enorme valor e aproveitamento, así como “unha importante porcentaxe de poboación e múltiples actividades vinculadas á pesca, marisqueo, acuicultura, portos, estaleiros, lonxas, actividades turísticas, culturais, patrimoniais” pero, a pesar destes factores, “non temos competencias na xestión e ordenación do territorio”, denunciou.
Dende o BNG, consideramos que Galiza debe posuír a máxima capacidade de decisión sobre este espazo e precisa deseñar e planificar -entre outras-, actuacións estratéxicas para a “convivencia e pervivencia sostíbel de todas as actividades situadas no seu litoral”, así como a súa posta en valor e aproveitamento para novas utilidades que teñan o carácter de sostíbeis. E preciso, recalcou Rodil que estas estratexias vaian encamiñadas a “previr riscos derivados de fenómenos naturais e do cambio climático.
“Unha proposición de lei fundamentada xuridicamente, avalada polo Estatuto de 1981 e polo informe do Consello Consultivo de Galiza recentemente publicado que di que non é preciso reformar o marco estatutario para proceder ao traspaso competencial nesta materia”.
Unha proposta, engadiu, que busca dotar de máis poder político a Galiza e mellorar as condicións de vida e de traballo das galegas e dos galegos.
Nesta liña, avanzou que a portavoz do BNG, Ana Pontón preguntará ao presidente da Xunta como valora a utilidade do seu goberno á hora de defender os intereses de Galiza porque “en 14 anos non reclamou ningunha competencia nova”.
A xuízo da nacionalista, o goberno do PP é “ un goberno incompetente e inútil” para a defensa dos intereses das galegas e dos galegos porque cando nos referimos as competencias, “non falamos de algo abstracto senón das ferramentas necesarias para poder decidir sobre cuestións básicas, do día a día, da vida de milleiros de persoas neste País”.
Desde o borde litoral de Galiza: 2.555 km até a seguridade viaria nas estradas galegas coas competencias de tráfico ou as condicións laborais de milleiros de traballadoras e traballadores de Galiza non temos nin as competencias de inspección, por citar algúns exemplos.
O PP veta a comparecencia do conselleiro de Medio Rural
Rodil lembrou que, onte mesmo, o portavoz de Medio Ambiente do BNG, Luís Bará anunciaba que solicitariamos a comparecencia do conselleiro de Medio Rural para explicar as súas “declaracións trumpistas” criminalizando o movemento ambientalista e “facendo apoloxía do negacionismo da crise climática” e lamentou que na Xunta de portavoces, o “PP vetara esta comparecencia”.
Finalmente, o BNG interpelará ao goberno sobre situación das persoas maiores “e o dereito a unha vellez digna” centrándonos, dixo, de maneira especial no Servizo de Axuda no Fogar (SAF), creado hai 14 anos e que precisa “reformas e adaptarse á realidade dun país onde cada vez vivimos máis anos”, concluíu.