BNG centrará o vindeiro pleno na falta de propostas do goberno galego ante a crise de prezos, medidas contra a violencia de xénero e o rescate da CRTVG
Tras a Xunta de portavoces para elaborar a orde do vindeiro pleno, a viceportavoz nacionalista Olalla Rodil anunciou que o BNG centrará as súas iniciativas nos graves problemas económicos e socias provocados pola crise de prezos e a falta de propostas da Xunta cuns orzamentos “insolventes e insolidarios” que ademais, dixo representan “un agasallo fiscal” para unha minoría rica.
Para a viceportavoz do BNG, os orzamentos da Xunta do ano 23 son “insolventes” porque están baseados en datos xa desmentidos por informes de expertos e pola AIREF, neste sentido, explicou que a subida do 1,7 do PIB previsto pola Xunta foi rebatido polo informe do BBVA que outorga un incremento cero, “o peor dato de todas as comunidades autónomas”.
Asemade, engadiu, son “insolidarios” porque representan “un agasallo fiscal ” para as minorías máis ricas, menos do 1% da poboación galega á que lle perdoan 34 millóns de euros reducindo o imposto de patrimonio mentres impiden recuperar a Tarxeta Básica ou dotar á Atención Primaria dos recursos necesarios. Nesta liña, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón preguntará ao presidente da Xunta se considera que os orzamentos que defende o Partido popular resolverán os problemas da crise económica en Galiza.
No ámbito da igualdade e loita contra a violencia de xénero, o BNG defenderá unha moción para suprimir os concertos que o Partido popular mantén na actualidade cos centros educativos do Opus Dei, “centros que separan as mulleres dos homes incumprindo o principio básico da co-educación que é a convivencia entre sexos”, afirmou.
Na súa opinión, esta separación “atenta contra o principio de igualdade e non debe manterse máis no tempo”. O Partido popular ampliou estes concertos, dende
2017 até 2023 e dende o BNG proporemos instar á Xunta de Galiza a que se supriman definitivamente e que os galegos e galegas deixemos de financiar con cartos públicos centros que discriminan a mulleres e homes nas aulas.
Ademais, o BNG, engadiu Rodil tamén defenderá unha interpelación sobre os servizos de atención ás mulleres e de promoción da igualdade centrado na rede de CIMs e na necesaria dotación de máis recursos económicos, materiais e humanos para previr e combater a violencia machista e promover a igualdade de xénero. Rodil denunciou o recorte orzamentario en materia de igualdade para o ano 2023 e a conxelación de fondos para a loita contra a violencia machista.
Rescate da CRTVG e acabar co control político do PP sobre os medios públicos
Ante a manifestación convocada na defensa dos medios de comunicación públicos o domingo 6 de novembro encabezada polo Comité intercentros da CRTVG, a viceportavoz do BNG amosou o apoio desta forza nacionalista ás reivindicacións dos traballadores e traballadoras contra a manipulación informativa e o control político do Partido popular ao que sumou “a vulneración dos dereitos dos traballadores e traballadoras”.
Para a viceportavoz do BNG, a convocatoria desa mobilización busca “recatar a CRTVG” do control político que exerce a Xunta sobre o medio público e rematar coa “anomalía democrática” cun director elixido “a dedo” dende o ano 2009.
Por iso, ademais de chamar á sociedade galega a se mobilizar na defensa dun dereito fundamental como son os medios públicos, tamén lle preguntaremos ao Goberno cando vai deixar de controlar a CRTVG e garantir o cumprimento da súa misión de servizo público.
Finalmente, Rodil avanzou que o BNG tamén defenderá unha iniciativa para garantir a atención pediátrica e un novo modelo eólico “ xusto e sostible” e que xere riqueza para todos e todas as galegas.