O BNG centra a campaña do 25N en alertar contra todas as violencias machistas e en denunciar o discurso negacionista
O BNG lanza a campaña do 25N Día internacional da eliminación da violencia contra as mulleres que este ano ten como obxectivo concienciar contra todos os tipos de violencia que se exercen contras as mulleres polo mero feito de selo e denunciar o avance do discurso negacionista do terrorismo machista por parte da extrema dereita en solitario ou en alianza coa dereita do PP.
Cada vez que se nega a existencia da violencia de xénero “a violencia queda dentro”, explica a viceportavoz parlamentaria, Olalla Rodil, na presentación da campaña de aí a representación a modo de matrioska que esconde capa sobre capa as diferentes modalidades de violencia machista até encerrar unha bala no seu interior para simbolizar o efecto “letal” das violencias de xénero que se negan ou se ocultan.
“Fronte a eses discursos de odio, fronte ao discurso negacionista e machista da extrema dereita, en solitario ou de ganchete co PP, pero tamén fronte a quen practica un discurso paternalista como Feixóo e fala de protexer as súas mulleres, as súas nais e irmás coma se as mulleres tivésemos dono e non puidésemos falar por nós mesmas”, explicar Rodil, “fronte a todo iso, desde o BNG quixemos centrar a campaña en poñer o foco en todas as formas de violencia exercidas contra as mulleres polo simple feito de sermos mulleres”.
Rodil salienta que hai formas de violencia recoñecidas como tales pero é preciso “sensibilizar á sociedade” ante outras violencias múltiples e diversas, “moitas invisibilizadas e normalizadas, pero igualmente letais”.
“Cada vez que se xulga o noso modo de vestir, cada vez que as mulleres somos representadas como obxectos hipersexualizados nunha campaña publicitaria, cada vez que nos pagan menos polo mesmo traballo, cada vez que un xornal di que morremos e non que nos asasinan, cada vez que nos violan e a Xustiza di que non é violación, cada vez que somos cuestionadas, todas son formas de violencia”, argumenta a viceportavoz parlamentaria.
De aí o lema A violencia queda dentro, simbolizado nunha matrioska para exemplificar a suma de capas de violencia, que pode ser física, psicolóxica, sexual, xudicial, económica ou mediática e publicitaria entre outras.
Rodil destacou os logros do movemento feminista pero sen obviar que queda moito por facer, como por exemplo conseguir xulgados específicos en todas as cidades galegas ou conseguir mudar a lexislación española que non recoñece todas as violencias machistas como si fai a lei galega, moito máis avanzada.
Por exemplo, a lexislación estatal non recoñece violación cando a muller está inconsciente ou cando non hai relación de parella entre vítima e agresor, como no triplo crime de Valga, no que só unha das asasinadas é considera vítima do terrorismo machista segundo a lei estatal.
Menos discursos e máis recursos
Igualmente, hai que suprimir as subvencións a colexios que segregan por sexos en contra do máis elemental criterio de igualdade.
Precisamente por todos os retos que aínda quedan, o Bloque fai un chamamento á participación masiva nas mobilizacións do 25N, e demanda máis recursos nos orzamentos da Xunta, en concreto, destinar o 1% a loita contra as violencias machistas, 100 M€. “Menos discursos e máis recursos”, sintetizou Rodil.