O BNG censura a utilización partidaria do PP na comisión contra a corrupción política
En sinal de protesta non presenta ponente e denuncia a "fuxida cara adiante" do Partido popular cando a corrupción "lle chega ás orellas"
A deputada do BNG, Ana Pontón amosou o desacordo do BNG na Comisión de estudo para a elaboración dun plan de medidas de prevención e erradicación da corrupción política ante a utilización partidaria do PP e como mostra de protesta non designou ponente.
Na súa intervención, a nacionalista pediu modificar a orde do día para retirar o punto da ponencia e iniciar unha nova fase para incluír a comparecencia de Núñez Feijóo porque, na súa opinión, o Partido popular tenta xeneralizar un problema de todos cando en realidade a corrupción chégalle ás orellas.
Para a deputada, hai un caso que implica directamente a Núñez Feijóo relativo á presunta financiación do Partido popular. Ao BNG, dixo, preocúpalle esta situación ao igual que ao resto da cidadanía galega que ve con repulsión a corrupción que afecta a vida pública e sinte a mesma respulsión ao comprobar que o Presidente da Xunta negase a dar explicacións ante situacións gravísimas, dende o punto de vista político.
Neste sentido, engadiu que nós non imos xulgar nada xudicial, estamos para abordar o tema da corrupción pero o Partido popular pretende unha fuxida cara adiante e non falar da cuestión.
O BNG non vai a formar parte desta ponencia reiterou e volveu solicitar modificar a orde do día no que respecta a este punto, reclamación que non prosperou por votar en contra o Partido popular.