BNG censura a Feixóo a súa “burda manipulación” do informe do Consultivo sobre a adscrición dos terreos de Ence ao porto de Marín
Luís Bará acusa á Xunta de querer seguir “estirando o chicle” da permanencia de Ence na ría con fins partidistas e mesmo utilizando gravemente ao CCG
Acusa ao Goberno galego de crear ás e aos traballadores a falsa ilusión de que a fábrica pode continuar onde está, cando hai unha sentenza que di o contrario
O deputado nacionalista Luís Bará denunciou hoxe a “patraña” e a “burda manipulación” do presidente da Xunta ao tentar utilizar o informe do Consello Consultivo de Galiza (CCG) sobre os terreos de Ence para abrir a posibilidade de adscribilos ao porto de Marín. “O máis grave non só é esa burda manipulación do contido do informe, senón a burda manipulación do propio Consello Consultivo e si, un feito moi grave porque é o máximo órgano consultivo da Xunta e do conxunto das institucións galegas e senta un gravísimo precedente”, censurou Bará nunha rolda de prensa celebrada en Pontevedra, na que avanzou que o BNG levará este tema ao pleno do Parlamento galego que se celebrará a próxima semana.
Segundo reprobou o deputado nacionalista, a actitude de Feixóo de “seguir estirando o chicle” da permanencia de Ence en Lourizán ten unha finalidade “puramente partidista”, a da confrontación co Goberno central e a de facer oposición ao Goberno municipal de Pontevedra. “E faino utilizando este tema como unha trampa, como un engano ao conxunto da cidadanía e aos propios traballadores e traballadoras, aos que lles crea a falsa ilusión de que Ence pode seguir onde está, cando hai unha sentenza que di o contrario”, afirmou, para a continuación incidir en que o Consello Consultivo non se pronuncia sobre este aspecto.
“De feito, fixo posteriormente unha aclaración en resposta a unha consulta na que asegurou que Ence non pertencía á adscrición do porto de Marín, senón que dependía da sentenza do Tribunal Supremo”, explicou, para a continuación recalcar “se é que se admite a trámite o recurso presentado”, unha vez que xa quedou claro o pronunciamento da Audiencia Nacional. “En vez de enredar, de confundir, de confrontar, a Xunta ten que afrontar as súas responsabilidades como Goberno do País e poñerse a traballar –incidiu- porque dentro duns meses pode haber unha situación xa irreversible para a saída de Ence”.
Alternativa: un proxecto industrial forestal que crearía máis empregos que os actuais
Neste sentido, defendeu a proposta do BNG xa coñecida de buscar un novo emprazamento para desenvolver un gran proxecto industrial forestal de transformación de derivados da madeira e a celulosa, cunha planta de papel e outro complexo de derivados da celulosa, obxecto de grande demanda no mercado. Con este obxectivo, avogou por realizar un estudo serio sobre posibles emprazamentos deste novo complexo industrial, “porque non é só unha planta substitutoria da que hai agora”. De feito, Bará destacou que a proposta do Bloque “permitiría multiplicar o número de empregos, ao estar dentro dunha perspectiva de monte multifuncional e coa participación pública e do conxunto do sector forestal galego”.
Así mesmo, o tamén portavoz parlamentario de Medio Ambiente reclamou que o Goberno galego comece a traballar tamén na ordenación dos usos dos terreos que ocupa actualmente Ence, prevendo a súa saída da ría, “xa sexa inmediata ou a medio prazo”, dando cumprimento ao que prevén as Directrices do Territorio e tamén o Plan de Ordenación do Litoral, que obrigan á rexeneración e recuperación dos terreos. “Aí ten que haber unha área de mellora ambiental e paisaxística”, indicou logo de lembrar que é a Xunta a que ten que facer esa reordenación, se ben o BNG propón que o faga en cooperación co Concello de Pontevedra e co Goberno central, e que é a empresa a que ten que asumir os custes do desmantelamento da fábrica.
“Esta situación non pode ser un problema, ten que ser unha oportunidade -explicou- e hai que aproveitar o contexto no que nos atopamos da posibilidade de obter fondos europeos para financiar todo este gran proxecto”. “Feixóo e a Xunta teñen que actuar en defensa dos intereses de Galiza e non en defensa dos intereses de Ence”, engadiu, para concluír a continuación que o presidente do Goberno galego “non pode ser, como está sendo, unha especie de delegado de Ence en Galiza”.