Consello Nacional

BNG celebrará a XVIII Asemblea Nacional o 1 de decembro en Santiago de Compostela no mellor momento da súa historia

Ana Pontón no Consello Nacional

Pontón destaca no Consello Nacional que se trata da “gran cita coa militancia para darlle máis potencia ao proxecto do BNG con gran reto de gobernar Galiza”

O Consello Nacional do BNG aprobou celebrar a XVIII Asemblea Nacional o 1 de decembro na capital do País para avanzar nunha liña política decidida colectivamente en 2016, que lle permitiu situarse no mellor momento da súa historia tras multiplicar por catro o apoio social e electoral, -sen renunciar a ningún dos principios do nacionalismo-, converténdose na alternativa real ao PP.

“Pasamos en oito anos de estar ao borde da desaparición a ser a alternativa real ao PP”, recalcou a portavoz nacional, Ana Pontón, na súa intervención, “porque o BNG é moito máis que unha organización política, somos a expresión da existencia da nación galega e a esperanza de toda a cidadanía que quere facer realidade a mellor Galiza”, proclamou, destacando que a asemblea é “a gran cita coa militancia para darlle máis potencia ao proxecto do BNG para conquistar o goberno deste País”.

Unha asemblea que se encara co reto de afianzar a folla de ruta que permitiu o avance do Bloque chegando a amplos sectores da sociedade; reforzar a organización,- “porque sen organización non hai cambio real posible”-, e actualizar a análise do momento actual, “porque a Galiza de hoxe non é a de 2016 e nin sequera a da hai tres anos cando celebrarmos a última asemblea”, alegou a líder nacionalista.

“Toca volver facer unha reflexión colectiva da militancia, indicou, analizar e diagnosticar con acerto a situación do País”; actualizar o necesario unha liña política que debe seguir atenta ás aspiracións e preocupacións da sociedade galega, convencida de que esa “conexión” coa cidadanía é clave para seguir avanzando en apoio social e electoral, para lograr ser a forza hexemónica e gobernar Galiza.

“Por iso non imos recrearnos no logrado, senón que con humildade, traballo e compromiso imos seguir avanzando con paso firme e coa man tendida para acoller a cada vez máis cidadanía até ser a forza hexemónica capaz de darlle a Galiza o futuro que merece”, explicou.

Para iso, o BNG vai multiplicar a súa acción política en todos os ámbitos utilizando a forza que lle deron as urnas, arrancando o curso político “pisando o acelerador” con toda a enerxía, ambición e cunha prioridade clara: a defensa de Galiza.

A ese “pisar o acelerador” na defensa do País obedece a comisión parlamentaria de investigación, posible grazas á representación dos 25 escanos nacionalistas, para investigar a xestión dos cartos públicos e a contratación con empresas vinculadas a altos cargos do Partido Popular.

“Imos até as últimas consecuencias” subliñou Pontón, cun programa de traballo e de comparecencias exhaustivo e rigoroso, entre as que estarán Rueda e Feijóo. “Alguén se imaxina que o presidente e o ex presidente de Galiza poidan negarse a comparecer no Parlamento de Galiza, do País que presidiron e que presiden? Sería non só unha declaración de culpabilidade senón tamén un desprezo absoluto aos galegos e ás galegas representadas”, argumentou.

Na súa intervención, destacou o acelerado traballo do BNG co arranque do curso político, “porque hai moito en xogo e nin un minuto que perder”. Entre as urxencias está “contrarrestar a deslealdade política” do presidente da Xunta, “que pon os intereses do PP, das empresas amigas e das multinacionais por diante de Galiza”.

Deslealdade de Rueda

“Temos que contrarrestar esa deslealdade reforzando o noso traballo político tanto na rúa como nas institucións, non basta con fiscalizar e criticar, hai que dar solucións actuando como o que somos: un goberno alternativo que, a cada crítica, aporta unha idea para mellorar a vida dos galegos e das galegas”, explicou.

Pontón repasou algunhas das prioridades: parar a bomba ambiental de ALTRI fronte a un Rueda empeñado en facer de “comercial” da multinacional; o financiamento autonómico, defendendo un modelo que lle permita a Galiza ter a chave dos seus cartos fronte a un xefe do Executivo disposto a que este País perda centos de millóns de euros por intereses partidistas.

Igualmente, frear o taxazo de SOGAMA, co que o PP quere seguir cargando nos concellos e na veciñanza un modelo de xestión do lixo contaminante, obsoleto e caro; defender unha AP-9 galega e libre de peaxes aproveitando a porta que abre Bruxelas considerando ilegal a ampliación da concesión aprobada por Aznar. Axudar as familias no inicio do curso escolar e defender o acceso á vivenda, tamén entres as prioridades políticas do BNG.

“Son moitas as urxencias que afectan de cheo á vida da xente e por iso empezamos o curso político pisando o acelerador, sen dar tregua nin pausa, porque os galegos e as galegas non se poden permitir esperar”, concluíu, destacando que hoxe o BNG é a “esperanza” dunha maioría que non deixa de medrar e soña cunha Galiza mellor. “Estou convencida que unha vez máis, entre todos e todas, con unidade, intelixencia e poñendo a Galiza por diante, imos estar á altura dos retos que temos que enfrontar”.