O BNG celebra o Día da Muller instando a parar a carvernícola reforma do aborto de Gallardón
No acto reivindicativo do Bloque, -que elixiu a compostelana praza do Obradoiro para despregar unha pancarta xigante co lema En defensa dos dereitos das mulleres. Aborto libre e gratuito-, Vence instou ao conxunto da cidadanía a demostrar ao PP, en Madrid e en Santiago, que non vai deixar que se masacren os dereitos das mulleres.
Estamos asistindo a unha campaña sistemática de recortes dos dereitos das mulleres entre os que tamén está o de decidir sobre a súa maternidade, por iso ten que haber unha grande movilización de todas as mulleres e de toda a sociedade na manifestación convocada para mañá para rexeitar este proxecto de lei absolutamente involucionista, retrógrado e cavernícola que trata de devolver á muller ás catacumbas, denunciou o dirixente nacionalista.
Vence fixo fincapé no Proxecto de Lei de Reforma do Aborto que quere acabar co dereito das mulleres a decidir sobre o seu corpo, sobre a súa sexualidade e sobre a súa maternidade, unha lei que implica unha regresión na capacidade de decidir por si mesmas e as devolve a unha sociedade na que é considera un ser menor de idade que debe ser tutelada polo Goberno.
É necesario que o PP sinta a presión da cidadanía para parar este proxecto de lei regresivo, sentenciou o portavoz nacional.
Ademais da contrareforma do aborto, Vence citou outros exemplos da estratexia de recorte de dereitos das mulleres derivados das políticas do PP, desde o Goberno central e desde a Xunta, como a redución dos servizos públicos ou os recortes das axudas á dependencia. Todas incrementan a exclusión laboral das mulleres e marcan o camiño para levalas de volta ás tarefas do fogar, reproducindo roles que pensábamos superados, concluíu.
O acto do BNG contou coa participación dunha ampla representación de alcaldes, alcaldesas e responsables municipais nacionalistas, como símbolo da actitude reivindicativa dos concellos gobernados polo Bloque en contra do recorte dos dereitos das mulleres, en particular dos derivados da reforma do aborto que pretende o PP, que amosaron ao longo das últimas semanas despregando faixas nas fachadas das casas consistoriais, con lemas a prol do dereito da muller a decider sobre a súa maternidade e por un aborto libre gratuito e seguro.
Entre os presentes no acto, Milagres Lantes, concelleira Carballo, Moncho Noceda, alcalde de Carnota, Puri Seixido, alcaldesa de Cariño, Xosé Fernández Barcia, alcalde de Mugardos, Secundino García, alcalde de San Sadurniño, Adolfo Muíños, alcalde de Rianxo ,Severino Rodríguez, alcalde de Monforte, Xosé Luis García, alcalde de Arzúa, Carme Fouces, concelleira de igualdade de Pontevedra, Francisco García, alcalde de Allariz, Pablo Villamar, portavoz Narón, Rafa Vilar, concelleiro Santiago.
Tamén as deputadas Ana Pontón e Olaia Fernández Davila e a responsable de Política Municipal, Goretti Sanmartín.