O BNG celebrará o Consello Nacional para aprobar as candidaturas e as liñas de traballo de cara a cita do 12X
A Executiva Nacional valora que as candidaturas aprobadas para a desconvocada cita do 5A continúan a ser as mellores e, polo tanto, propón á militancia que sexan ratificadas no Consello Nacional previsto para este sábado, o primeiro que se celebra, -neste caso de xeito telemático-, desde que se declarou a pandemia. Este CN supón tamén o pistoletazo de saída par poñer en marcha o proceso de traballo de cara as eleccións do 12 de xullo, empezando por aprobar tanto as candidaturas como as liñas forza da campaña nunha cita coas urnas que o BNG encara saíndo a por todas para conseguir o cambio galego, máis necesario aínda nesta Galiza post Covid19.
As listas que se propoñen para referendar foron aprobadas tras un intenso proceso de participación das bases, que fixeron as súas propostas e votacións a través das 25 asembleas por todo o país dando lugar a unhas candidaturas que a dirección do Bloque cualifica de “excelencia”, coa portavoz nacional, Ana Pontón, como candidata á Presidencia da Xunta e das que tamén forman parte todo o grupo parlamentario, que repite nunhas candidaturas con gran presenza de xente moza e de mulleres e que combinan experiencia e renovación.
En concreto, Olalla Rodil como cabeza de lista por Lugo; Noa Presas por Ourense; Luís Bará por Pontevedra, así como Xosé Luís Rivas e Montse Prado como números dous pola Coruña e Pontevedra. Entre as incorporacións: Mercedes Queixas e Rosana Pérez, pola Coruña; Daniel Castro e Carme Aira por Lugo; Iago Tabarés e María González, por Ourense ou Alexandra Fernández e Manuel Lourenzo por Pontevedra, por citar algúns dos nomes dunhas candidatura que este sábado volverán a ser valoradas polo Consello Nacional.
Unha vez fixada a nova data electoral e como avanzou a candidata nacionalista á Presidencia, o BNG vai traballar para trasladar á sociedade galega as súas alternativas cunha folla de ruta que marca como prioridade a reconstrución económica e social de Galiza, para sacar adiante ao país ante a crise sen precedentes derivada do corornavirus.
Se antes da COVID19 Galiza precisaba un cambio real, o Bloque considera que no actual contexto é aínda máis perentorio un cambio galego que permita poñer en marcha todo o potencial e toda a capacidade do país.
A alternativa do BNG, como adiantou Pontón, vai ter entre os seus grandes eixos a saúde, o emprego digno e o benestar social, concentrando esforzos en explicar as propostas do Bloque para fortalecer os servizos públicos, para a reactivación da economía en aras de recuperar os miles de empregos que están en risco, e explicar o modelo en materia de benestar social e os coidados sociais con especial atención á defensa do dereito a unha vellez digna. O traballo de cara á cita electoral vai estar centrado nas cuestións que preocupan á maioría social porque afectan directamente ao seu cada día.