BNG celebra a aprobación do paquete fiscal e urxe o Goberno a cumprir os acordos logrados
“Partido a partido, sen renunciar a nada, o BNG seguirá a defender unha política fiscal máis xusta e redistributiva” sinala Néstor Rego
O deputado do BNG insta o Goberno a presentar, canto antes, o Real Decreto-lei acordado para manter o imposto ás enerxéticas
O BNG consegue, xunto con ERC e EH Bildu, aumentar o tramo máis alto no imposto á banca e dirixir toda a recadación ás Comunidades Autónomas
Após a aprobación do paquete fiscal no pleno do Congreso, o BNG celebra os acordos alcanzados co Goberno para aumentar o tramo máis alto no imposto á banca e dirixir toda a recadación ás Comunidades Autónomas, así como prorrogar un ano máis o imposto ás enerxéticas, vía Real Decreto-lei, e úrxeo a traelo canto antes para o seu debate e votación. Néstor Rego, deputado do BNG, anuncia que o BNG seguirá a defender unha política fiscal máis xusta e redistributiva e considera esta aprobación como o primeiro partido que se debe dar para conseguir avanzar cara unha maior xustiza e progresividade fiscal.
“A política consecuentemente de esquerdas consiste en baixar impostos á clase traballadora e ás clases populares e subírllelos ao ricos e ás grandes corporacións. Que pague máis quen máis ten para conseguir tamén que poida pagar menos que afronta maiores dificultades” sinala o deputado do BNG durante a súa intervención mentres defende as emendas presentadas pola formación nacionalista para baixar o IVE á produtos e servizos esenciais e, simultaneamente, aumentar a recadación facendo xustiza tributaria pola vía de que pague máis quen si pode facelo.
Neste sentido, o BNG defende manter e incrementar o imposto á banca, manter o gravame ás enerxéticas e aumentar o imposto de patrimonio e mesmo converter xa en permanente o imposto ás grandes fortunas. “Máis unha vez, os grandes grupos multinacionais ou españois de grande magnitude, a banca, as enerxéticas, os grandes patrimonios e as grandes fortunas, que paguen!” reivindica desde a tribuna.
Sen renunciar a nada
“Non deixaremos de reclamar un modelo diferente, baseado no control público do sector eléctrico e do conxunto do enerxético, por ser un sector estratéxico da economía, mais o mínimo que podemos e debemos exixir é que paguen impostos en relación co volume de negocio e os lucros obtidos” defende.
Exactamente igual que a banca e as grandes compañías multinacionais ou grupos españois de grande magnitude. “Cabe lembrar que as cinco principais entidades bancarias obtiveron en 2023 máis de 26 000 M€ de lucros. Máis unha vez, absolutamente obsceno cando centenas de millares de persoas con dificultades para pagaren as súas hipotecas” denuncia Rego.
Goberno debe cumprir o acordado
Tras a esperpéntica xornada vivida na tramitación da lei, o deputado nacionalista aproveita a ocasión para urxir o Goberno a cumprir co compromiso adquirido co BNG, EH Bildu e ERC, e presente na maior brevidade posíbel o Real Decreto-lei que permitirá prorrogar por un ano o imposto ás enerxéticas e apélao a traballar os apoios necesarios para a súa convalidación.