O BNG busca marcos de colaboración con Anova para responder á situación de emerxencia de Galiza

Unha representación da Executiva Nacional do BNG, formada polo portavoz nacional, Xavier Vence, polo secretario de Organización, Bieito Lobeira, pola secretaria de Implantación e Estratexia Municipal, Goretti Sanmartín, polo secretario de Comunicación, Xosé Antonio Rubal e polo secretario de Acción Social, Rafael Vilar, mantivo esta tarde un encontro cunha delegación de Anova, constuída por Xosé Manuel Beiras, Luís Eyré, Antón Sánchez e Carlos Meixome, no marco dos contactos que o BNG vén mantendo con forzas nacionalistas galegas.

Unha reunión que responde aos acordos adoptados na XIV Asemblea Nacional do BNG, e cuxo obxectivo é o de buscar a unidade de acción do nacionalismo como resposta á situación de emerxencia nacional e social que está a vivir Galiza.

A análise sobre a situación de Galiza

Na reunión, contrastouse a diagnose de ambas forzas en relación ás agresións que está a sufrir a maioría social como consecuencia da aplicación das políticas da Xunta de Galiza, do Goberno central e da Unión Europea. Agresións que estamos a ver na actualidade nos ataques ao sector naval pola resolución do expediente aberto pola UE ao anterior Tax Lease. Agresións que se manifestan no roubo aos preferentistas, na destrución do noso sistema financeiro e no dramático aumento do paro, da probeza e da exclusión social. Así mesmo, valorouse o proceso de recentralización que está a impulsar o goberno do PP, coa conivencia cómplice de Feijóo, reducindo aínda máis o ámbito de autonomía do goberno galego.

Os representantes de ambas formacións coincidiron na necesidade de establecer marcos de colaboración que permitan avanzar na unidade de acción das forzas nacionalistas galegas co obxectivo de dar resposta á grave situación pola que está a pasar o país e que tanto o BNG como Anova identifican nas súas análises. Deste xeito, valorouse positivamente a conveniencia de manter canles estables de comunicación entre ambas formacións.

Candidatura de unidade nacionalista

Partindo destas análises, o BNG e Anova abordaron a conxuntura social e política na que se van celebrar as eleccións europeas de 2014 e as distintas fórmulas consideradas por cada organización.

O BNG defende como necesaria unha candidatura de unidade nacionalista que garanta a defensa dos intereses do país, como veu facendo o BNG no Parlamento Europeo nas últimas lexislaturas, e que confronte as constantes agresións que se derivan da aplicación das políticas económicas e sociais impulsadas pola Unión e nas que coinciden PP e PSOE, como demostra o seu apoio unánime ao Memorando do rescate español ou o recente acordo para trasladar unha proposta común ao Consello Europeo.

Ambas delegacións trasladarán ás respectivas direccións as valoracións e argumentos expresados na reunión e proporán a continuación das conversas en vindeiras datas.