O BNG busca un acordo para sancionar a AUDASA, frear a eucaliptización e investigar a Villar Mir
- Por transparencia e responsabilidade hai que investigar as concesións públicas do empresario imputado
A portavoz nacional do BNG avanzou que na vindeira sesión plenaria, o BNG buscará un acordo parlamentario para “sancionar a AUDASA”. A nacionalista explicou que a concesionaria da AP-9 ofrece un “servizo de terceira” que cobra como un servizo de calidade e “cunha estafa legalizada de peaxes”.
Pontón lembrou que as obras de ampliación da AP-9, o mal servizo e perigosidade da infraestrutura fan necesario implementar medidas ante os continuos atascos polo que avanzou que o BNG proporá establecer un protocolo para “levantar as barreiras cando se produzan retencións de, mínimo, un Qm e rebaixar as peaxes”.
A nacionalista cualificou de “escandaloso” que a estas alturas e o proceder de AUDASA cos e coas usuarias, as administracións galega e central aínda non iniciaran ningunha sanción e advertiu que os atascos producidos nos últimos meses incrementaranse no período estival, como xa ven sendo habitual nos últimos anos.
O BNG QUERE UNHA POLITICA FORESTAL CONTRA A MASIVA EUCALIPTIZACIÓN
Na súa comparecencia, trala xunta de Portavoces, Pontón anunciou que o BNG preguntará a Núñez Feijóo polas medidas da Xunta cara un novo modelo forestal que poña coto a masiva eucaliptización. A portavoz do BNG afirmou que a actual política forestal do Goberno galego “é un fracaso” e sáenos moi cara en termos sociais, ambientais económicos. Neste sentido, engadiu que “o monte galego está descontrolado e hai que frear o proceso de eucaliptización apostando por madeiras autóctonas e de calidade para pechar o ciclo produtivo da madeira”.
Ademais, e segundo os últimos datos avalados polos estudos do catedrático de Bioloxía e Xeoloxía da USC, Ramón Valera, a superficie de eucalipto en Galiza ascende a 600.000 hectáreas, “ 230.000 hectáreas máis das previstas para o ano 2023”.
En Galiza producimos o 58% da madeira do Estado pero ” só transformamos aquí o 20% da madeira serrafa, 30% dos taboleiros e chapas e o 1% da pasta de celulosa”.
Desde o BNG, dixo, propoñemos medidas urxentes para prohibir as plantación de eucalipto Nitens, especie declarada invasora e perigosa para a biodiversidade, apostar polas madeiras autóctonas, recuperar terras agrarias e ir reducindo progresivamente a superficie ocupada por eucalipto, establecendo incentivos para poñer en marcha axudas e vantaxes fiscais na repoboación de madeiras autóctonas. O modelo forestal proposto polo BNG convertería ao monte nun motor económico e axudaría a combater os lumes.
POR TRANSPARENCIA E RESPONSABILIDADE HAI QUE INVESTIGAR AS CONCESIÓNS PÚBLICAS DE VILLAR MIR
Entre os debates que o BNG defenderá no pleno figura a creación dunha comisión de investigación sobre as concesión públicas de Villar Mir. Reclamamos, anunciou Pontón, unha comisión para investigar as autorizacións, contratos, concesións e todas as relacións do Grupo Villar Mir co sector público galego así como o seguimento, análise e investigación do intento de venda e segregación das centrais dos ríos Xallas e Grande.
“Quen non ten nada que ocultar non debe temer a unha comisión de investigación ” cuxa creación comparte o grupo parlamentario de En Marea polo que a portavoz do BNG fixo un un chamamento ao Partido popular e PSdeG apoiar esta comisión en aras da “responsabilidade e transparencia”.