BNG batallará no Congreso en defensa da pesca galega ante a expulsión pola UE de 87 caladoiros
Néstor Rego exixe coñecer todas as actuacións que levou a cabo o Goberno do Estado para tratar de evitar o veto ao arrastre que provocará un grave prexuízo para a frota pesqueira galega e mesmo se presentou un plan alternativo que permitise compatibilizar a protección mariña coa actividade pesqueira
A frente nacionalista urxe a desenvolver todas as actuacións necesarias para evitar os graves prexuízos que provocará o fechamento, sen renunciar a recorrer a decisión adoptada polo organismo europeo
Ante a decisión, por parte da Comisión Europea, de fechar o acceso da frota de arrastre a 87 zonas de augas comunitarias no Atlántico, o Bloque Nacionalista Galego avanza o rexistro de iniciativas no Congreso para que o Goberno do Estado recorra a decisión e leve a cabo todas as actuacións necesarias para evitar o impacto negativo que esta prohibición terá para a frota pesqueira galega. Así mesmo, demanda información sobre as actuacións previas que realizou o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e a solicitude de comparecencia do Ministro en Comisión. Alén do máis, Rego reclama ao Goberno que emprenda as accións necesarias que permitan evitar os graves prexuízos que o fechamento causará á frota pesqueira, sobre todo á galega.
Esta quinta feira, 15 de setembro, a Comisión Europea aprobou o fechamento para a actividade pesqueira de arrastre en 87 zonas de augas comunitarias do Atlántico. Unha decisión que afecta unha superficie superior a 16.000 quilómetros cadrados e que terá consecuencias negativas para os buques equipados con artes de fondo como redes de arrastre de fondo, dragas, palangre de fondo, entre outros.
“A Comisión Europea tomou esta decisión sen contar con estudos previos e rigorosos pertinentes, tanto do punto de vista científico como de impacto socioeconómico nos distintos sectores pesqueiros e, evidentemente, non está tendo en conta que esta decisión afectará de maneira negativa á frota pesqueira galega, que verá diminuído preto de 75% as súas capturas” afirma o deputado do BNG.
A organización nacionalista lembra que xa presentara iniciativas para que o Goberno do Estado se mostrase en contra da medida, posto que tería un impacto moi negativo para a frota pesqueira, e mesmo rexistrou a solicitude de comparecencia do Ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación para que explicase a situación na Comisión do Congreso, mais esta comparecencia aínda non tivo lugar. Neste sentido, tras a decisión tomada pola Comisión, a frente nacionalista exixe ao Goberno coñecer todas as actuacións que levaron a cabo para evitar a prohibición, mesmo se se mantivo contacto co resto de Estados afectados, a destacar Portugal, Francia e Irlanda.
O comunicado da Comisión fala de que a decisión foi tomada despois de manter amplas consultas cos Estados membros e as partes interesadas. “Descoñecemos en que consistiron esas consultas, polo que entendemos que o Ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación debe comparecer na Comisión do Congreso para explicar en que consistiron e que posicións trasladou o Goberno do Estado -se é que o fixo- para evitar a prohibición” salienta o deputado.
“É indiscutíbel a necesidade de protexer os ecosistemas mariños e as biomasas de peixes, mais esta protección debe acompasarse coa protección da actividade económica que representa a pesca para territorios como a Galiza” defende. Por este motivo, o deputado do BNG quere saber se o Goberno do estado presentou un plan alternativo ante a Comisión Europea que permitise esa compatibilidade.
Por último, ante o inminente fechamento dos 87 caladoiros, que causará un impacto negativo para a frota pesqueira galega, a frente nacionalista demandará ao executivo estatal todas as actuacións necesarias que permitan evitar os graves prexuízos que esta decisión ocasionará. “Ten que facelo sen renunciar a defender os intereses da frota pesqueira e conseguir a paralización da prohibición” subliña.