BNG avanza iniciativa para derrogar as Reformas Laborais
A organización nacionalista recolle a proposta da CIG para recuperar de forma inmediata a normativa anterior ás reformas de PSOE e PP.
Néstor Rego: “É o momento de que se pase das palabras aos feitos e da propaganda á realidade”.
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, e o Secretario Xeral da CIG, Paulo Carril, mantiveron unha reunión de traballo nesta terza feira e avanzaron unha iniciativa no Congreso para que o Goberno do Estado derrogue de maneira inmediatas as reformas laborais dos anos 2010 2011 e 2012. As dúas organizacións alertan das consecuencias negativas para os traballadores e traballadoras da aplicación da actual normativa neste contexto de crise e por iso defenden que, en tanto no sexa aprobada unha nova lexislación que permita avanzar en dereitos, sexa recuperada a normativa anterior ao ano 2010.
As sucesivas reformas laborais levadas adiante polos gobernos españois, con posterioridade á aprobación do Estatuto dos Traballadores de 1980, supuxeron un importante retroceso nos dereitos individuais e colectivos da clase traballadora ao desregular e “flexibilizar” as condicións en materias como a contratación, o abaratamento dos despedimentos, a xornada, o salario ou mesmo o cumprimento ou negociación dos convenios colectivos.
“As últimas reformas laborais promovidas, durante os anos 2010, 2011 e 2012, por gobernos do PSOE e PP afondaron na liña neoliberal de individualización e desregulación das relacións laborais. O obxectivo destas reformas foi restar dereitos ao traballadores e traballadoras e derivou en aumento da pobreza e da precariedade laboral” sinala Néstor Rego.
O deputado do BNG enfatiza a necesidade de “actuar de maneira inmediata para frear esta situación que estamos a vivir por decisións unilaterais da Patronal e sen control ningún por parte das Administracións Públicas”. Nese sentido, lembro que a organización nacionalista xa presentara hai meses unha proposta puntual para recuperar a autorización administrativa dos EREs, que non foi atendida por parte do Ministerio de Traballo.
Rego avanzou que a formación nacionalista trasladará ao Congreso a proposta da Confederación Intersindical Galega, por medio dunha Proposición Non de Lei, para a derrogación inmediata de todas as reformas laborais. “Levamos ano e medio de lexislatura e de promesas permanentes de derrogación das reformas laborais que nunca chegan a se cumpriren. Por iso, até que non sexa aprobada unha nova lexislación laboral, será positivo que entren en vigor todos e cada un dos artigos da normativa existente con anterioridade ao ano 2010”.
O deputado nacionalista lembra que a derrogación da Reforma Laboral é un compromiso das forzas políticas que conforman o Goberno do Estado e unha das principais medidas recollidas no Acordo de Investidura asinado co BNG, polo que recrimina que non fose cumprido nestes dezaoito meses. “Tivemos paciencia de sobre, é o momento de que se pase das palabras aos feitos e da propaganda á realidade”, enfatiza.
Pola súa parte, o Secretario Xeral da CIG, Paulo Carril, agradeceu ao BNG a disposición a trasladar ao Congreso esta proposta da central nacionalista, que considera urxente na medida en que “na actual crise derivada da pandemia a vixencia e aplicación desta regresiva lexislación constitúe unha auténtica ameza para o mantemento do emprego e dunha mínimas condicións salariais e laborais dignas.
A lentitude deste proceso para as mudanzas lexislativas necesarias para a recuperación de dereitos dos traballadores e traballadoras, por riba “viciado de orixe pola lacra do chamado diálogo social, non poder significar que o avance da crise teña lugar coa plena e vigorosa vixencia deste marco normativo que está a contribuír a un empeoramento da situación” subliña Carril, que acrecenta que é urxente a derrogación das reformas e fundamental “eliminar calquera elemento que constitúa un intenso marco centralizador da negociación colectiva”.
“O diálogo social tense convertido no enterrador dos dereitos laborais e de calquera expectativa de que significase unha dignificación do posto de traballo. Ese mesmo diálogo social do que tanto se fala na actualidade está a contribuír a un empeoramento das condicións de traballo e a reducir o salario da clase traballadora” destaca Paulo Carril. “As actuacións políticas están sendo moi lentas e, pola contra, a patronal está sendo moi rápida coa aplicación de ERE e ERTE” reflexiona o Secretario Xeral da CIG mentres insiste na necesidade de derrogar as Reformas Laborais que contribuíron ao empobrecemento xeral das maiorías sociais.