BNG avanza as emendas dos OXE 2022 para as comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal
Néstor Rego destaca os eixos fundamentais das emendas presentadas polo BNG: desenvolvemento social e económico, infraestruturas e atención ao noso patrimonio natural e construído.
Hai que pasar das boas palabras e de teóricos Plans Ferrol aos feitos, isto é, recursos económicos para poder actuar” reivindica
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, presenta as emendas parciais aos OXE 2022 rexistradas polo BNG para a comarca de Ferrol, Eume e Ortegal, xunto aos alcaldes de Fene, Moeche e San Sadurniño, o tenente de alcalde de Cabanas e o deputado comarcal do BNG no Parlamento da Galiza. A formación nacionalista destaca que as emendas buscan potenciar o desenvolvemento económico, a modernización e mellora das liñas ferroviarias e a rehabilitación dos bens de interese cultural e natural, como é a propia Ría de Ferrol.
Néstor Rego compareceu xunto co alcalde de Fene, Juventino Trigo; a alcaldesa de Moeche, Beatriz Bascoi; o alcalde de San Sadurniño, Secundino García; o tenente de alcalde de Cabanas, Iago Varela; o deputado no Parlamento da Galiza, Mon Fernández; e a responsábel comarcal do BNG en Ferrol, Mercedes Tobío. Na súa intervención, o deputado nacionalista cualificou como un mellor punto de partida o Proxecto de Orzamentos presentado polo executivo estatal para o 2022, en comparación cos aprobados para o 2021, mais sinalou a necesidade de incorporar partidas orzamentarias e incrementar o investimento no noso País para rematar co déficit histórico na Galiza.
“Concello a Concello, comarca a comarca, o BNG está facendo unha radiografía das necesidades e trasladándoas en forma de solucións pola vía de emendas aos Orzamentos Xerais do Estado” explica Rego. Nesta ocasión, o deputado nacionalista presenta as emendas parciais rexistradas para a comarca de Ferrol destacando tres aspectos fundamentais: desenvolvemento social e económico, infraestruturas e atención ao noso patrimonio natural e construído.
Rego destaca a emenda rexistrada para incrementar no SEPI 100 M€ para converter Navantia nun complexo industrial integral “que sexa capaz de recuperar toda a súa potencialidade produtiva e diversifique o abano de actividades industriais” sempre sobre a base da construción naval e reincorporar a construción naval civil. “É preciso este investimento para a modernización das infraestruturas Navantia e facelas máis competitivas” sinala o deputado.
Por outra banda, Rego fixo especial fincapé na necesidade de recuperar a actividade económica e industrial despois do fechamento da central das Pontes “en principio sen alternativas”. Neste sentido, propoñen a creación dun centro- que sería pioneiro no Estado- para a competitividade e para a I+D+i no almacenamento de enerxía. “É un dos grandes retos neste proceso de transición ecolóxica. Tamén, presentaron a proposta de creación dun centro de investigación en robótica, vehículos autónomos e sistemas intelixentes para smart cities que entrarían perfectamente dentro das liñas do Plan de Transformación, Recuperación e Resiliencia, financiado con fondos europeos” explica Rego.
No ámbito das infraestruturas, Rego destaca a necesidade de avanzar na modernización e mellora das conexións ferroviarias de Ferrol e a súa comarca. “Hai que garantir recursos suficientes para a mellora da liña do FEVE e tamén para a mellora da liña Ferrol-A Coruña. Entendemos que é preciso modernizar todo o trazado” enfatiza Rego destacando a necesidade de resolver os pasos a nivel en Fene e o arranxo dos noiros con risco de desprendemento.
“Presentamos tamén propostas para a atención adecuada ao patrimonio natural e ao patrimonio histórico construído” subliña Rego. No que ten haber co natural- que tamén é un recurso económico- anuncia emendas para acometer a un plan de rexeneración da Ría de Ferrol. “Este proxecto de saneamento e rexeneración debe incluír tamén a eliminación de infraestruturas que dificultan o proceso natural de rexeneración dentro da ría. Medida que reclamamos así mesmo para o conxunto das rías galegas, pero sabemos que a Ría de Ferrol é unha das que está nunha peor situación e iso afecta á capacidade produtiva nunha actividade fundamental como é o marisqueo” avanza.
En canto ao patrimonio construído, a organización nacionalista rexistra propostas para a rehabilitación do castelo de Naraío en San Sadurniño. “Tamén para a rehabilitación e plan de usos do mosteiro de Santa Catalina de Montefaro en Ares, a rehabilitación do muíño das Aceas, no concello de Narón” enumera o deputado no Congreso.
“É un conxunto de emendas que atenden ás necesidades perentorias dunha comarca que leva moitos anos nun declive ao que parece que as administracións públicas non queren facer frente” subliña Rego. “Hai que pasar das boas palabras e de teóricos Plans Ferrol aos feitos, á dotación de recursos económicos para poder actuar no ámbito das infraestruturas, de sacar Ferrol do illamento e potenciar a súa recuperación económica e industrial” reivindica Néstor Rego.