BNG e AV demandan a transferencia da titularidade de Parque Empresarial de Vimianzo á Xunta de Galiza
Néstor Rego defenderá no Congreso realizar a transferencia para lograr unha mellor planificación industrial e a optimización das actuacións de promoción do polígono
Marta Rei (Adiante Vimianzo): “Se de verdade se quere apostar polo rural, o futuro económico de Vimianzo pasa polo parque empresarial”
O Bloque Nacionalista Galego rexistrou iniciativas no Congreso e no Parlamento de Galiza para reclamar a transferencia da titularidade do Parque Empresarial de Vimianzo á Xunta de Galiza. Xunto con representantes de Adiante Vimianzo, o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, e o deputado no Parlamento de Galiza, Daniel Pérez, defenden a necesidade de rematar coas discrepancias e diferenza de criterios entre a Administración galega e estatal e “pór en marcha o desenvolvemento social e económico de Vimianzo” a través da instalación do parque empresarial de empresas –locais e da zona- que favorezan a xeración de emprego.
Ademais dos deputados do BNG no Congreso e no Parlamento de Galiza, na presentación das iniciativas estiveron o responsábel comarcal do BNG na Costa da Morte, Xurxo Rodríguez Baña, os membros do Consello local en Vimianzo, Vicente Rivas e Lorena Suárez, e a portavoz nacional e concelleiros de Adiante Vimianzo, Marta Rei, Manuel Lorenzo e María Xesús Barbeira.
O parque empresarial de Vimianzo naceu como unha das actuacións industriais impulsadas para compensar o desastre do Prestige e dotar a zona afectada de ferramentas para a súa recuperación “así como impulsar o desenvolvemento social e económico da comarca”. Esta iniciativa, conxunta entre Goberno do Estado e Xunta de Galiza, non está cumprindo os obxectivos que se marcaran no seu día posto que “o crecemento e a dotación de servizos do parque é moito máis lenta do desexábel, a pesar da campaña promocional anunciado pola SEA (Sociedade Empresarial do Atlántico) que depende da SEPES”.
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, lembra que, xa no seu día, a organización nacionalista defendeu na cámara baixa unha iniciativa para que fose executado un acceso desde a futura autovía mais aínda non se conseguiu “pola discrepancia e a diferenza de criterios entre a Xunta de Galiza e o Goberno do Estado”. Este problema súmase á crecente mala coordinación entre SEA e Xestur sobre a planificación e prezos estabelecidos que producen desvantaxes entre uns polígonos e outros próximos en función de que entidade o promove.
Nese sentido, Rego entende que a mellora solución para que se poidan resolver os problemas e para que este parque empresarial poida desenvolverse é que se “transfira á Xunta de Galiza –e sexa xestionado pola XESTUR- de maneira que non haxa ningún tipo de pretexto para executar ese acceso e realizar unha política industrial que permita que as empresas se instalen nun polígono que, a día de hoxe, está a monte”. Isto permitiría unha planificación industrial racional e coordinada que optimice as potencialidades da Galiza e, neste caso, de Vimianzo.
“Parece sorprendente que coas necesidades económicas, precisamente no momento de grandes dificultades en que estamos, non haxa unha política industrial que favoreza a instalación de empresas locais, comarcais ou novas empresas no parque empresarial de Vimianzo” sinala.
Pola súa parte, a voceira municipal de Adiante Vimianzo, Marta Rei, agradece o labor do BNG no Congreso e no Parlamento de Galiza na defensa dos intereses de Vimianzo para que se leve a cabo a transferencia da titularidade do polígono industrial. “O parque empresarial está situado nunha posición estratéxica dentro da comarca da Costa da Morte e a 40 minutos da Coruña, co que pode ser atraínte para empresas non só do ámbito local senón para empresas da zona” destaca Rei.
“Se de verdade se quere apostar polo rural, o futuro económico de Vimianzo pasa polo parque empresarial. A día de hoxe só hai tres empresas instaladas e nos últimos anos non houbo ningunha empresa nova que se instalara no parque, a pesar de contar cun goberno municipal socialista e cun goberno estatal tamén socialista” afirma a voceira, Marta Rei. Así mesmo, entende que a parque de Vimianzo non é o único que está deserto na Galiza e lanza a idea de crear unha rede de parques galegos.
“A Costa da Morte precisa máis que nunca que se instalen novas empresas e se xeren postos de traballo. No BNG temos claro que a potenciación do parque pasa pola transferencia da titularidade á Xunta de Galiza –posto que o Estado non tivo ningunha estratexia de venta das parcelas- e se poidan aplicar nun futuro plan industrial galego” reivindica o deputado do BNG no Parlamento de Galiza, Daniel Pérez.