O BNG asiste a celebración da Diada como mostra de apoio ao proceso soberanista do pobo catalán

O portavoz nacional, Xavier Vence, encabeza a delegación do BNG que asistirá aos actos de celebración da Diada en Barcelona, no contexto de celebración do referendo soberanista de Catalunya convocado previsto para o 9 de novembro.

Acompañado pola portavoz en Bruxelas e membro da executiva nacional, Ana Miranda, e polo ex europarlamentario Camilo Nogueira, Vence ten previsto un encontro coa colectividade galega en Barcelona nun acto organizado pola Asamblea Cultural Galega de Barcelona, previo a súa asistencia aos actos oficiais da Diada.

Xa na xornada de mañá, o portavoz nacional asistirá á ofrenda floral que terá lugar ás 9:30 horas ante o monumento a Rafael Casanova, para a continuación visitar a feira de entidades, con posto propio do BNG de Catalunya. Igualmente, Vence asistirá ao xantar popular organizado pola Federación de Barcelona coa presenza do líder de Esquerra Republicana, Oriol Junqueras.

A delegación do Bloque que asiste a celebración da Diada tamén participará no acto de reivindicación soberanista convocado ás 16:30 horas pola Asemblea Nacional Catalana, que ten previsto formar unha V xigante seguindo o curso de dúas das principais arterias de Barcelona, acto ao que se espera unha participación masiva.

O BNG quere trasladar coa presenza do portavoz nacional o seu total apoio ao proceso soberanista impulsado pola forzas políticas cataláns máis representativas co respaldo da maioría social, e igualmente defende unha Galiza que camiñe, -cos seus propios tempos e sen mimetismos-, cara maiores cotas de soberanía que a dote das mellores ferramentas para dar resposta aos problemas do país.

Tamén para amosar o apoio do Bloque ao proceso emprendido por Escocia, Vence seguirá in situ o desenvolvemento e o resultado do referendo de independencia que se celebrará o vindeiro 18 de setembro.

Neste contexto no que moitas nacións sen estado están dispostas a exercer o seu dereito de autodeterminación e avanzar en procesos soberanistas, o BNG convoca para este sábado 13 en Santiago de Compostela un acto aberto a toda a cidadanía baixo o lema Polo dereito dos pobos a decidir.

“Precisamos ferramentas democráticas que lle outorguen a Galiza capacidade real de decisión, é dicir, soberanía para facer posible unha saída á crise en favor da maioría social, para facer viable o noso desenvolvemento económico, social e cultural e para construír colectivamente unha Galiza libre, digna, democrática, xusta e igualitaria”, reclama o Bloque no manifesto Construíndo Futuro.