BNG asina a declaración de unidade promovida pola MESA "para darlle mil primaveras máis" ao galego

Declaración de unidade a prol do galego promovida pola MESA

O BNG asinou a Declaración de unidade a prol da normalización da lingua galega promovida pola Mesa pola Normalización Lingüística (MPNL) nun acto que tivo lugar ante escultura de Rosalía de Castro na Alameda compostelá, coincidindo coa data simbólica do 130 aniversario do pasamento da escritora.

A declaración, que contou co apoio de todas as forzas políticas, foi asinada polo portavoz nacional, Xavier Vence, en nome do Bloque quen subliñou que “o galego é o noso idioma, porque galego é o noso pobo e porque Galiza é unha nación”. Na súa intervención no acto, o dirixente nacionalista salientou que “termos institucións soberanas é a mellor garantía para que a nosa lingua teña mil primaveras máis por diante”.

Neste sentido, Vence declarou que as forzas políticas e, sobre todo, as institucións, “deben ser garantes do uso normal do noso idioma, do seu prestixio diario e do seu espallamento permanente” e puxo de manifesto que estes obxectivos “son a razón de ser do nacionalismo galego”.

Esta iniciativa de unidade promovida pola MPNL plásmase nunha declaración asinada por todas as forzas políticas nas que se asume o compromiso de “abrir unha nova etapa de normalidade para a lingua, coa implicación de todos os sectores”. De feito, o texto recolle a intención de adoptar todas as medidas necesarias “para garantir o dereito a vivirnos en galego e conseguirmos para el verdadeira igualdade e oficializade real”.

Con ese obxectivo, a declaración establece como punto de partida “os acordos comúns e amplos” fixados na Lei de Normalización Lingüística, na Lei de uso do galego como lingua oficial de Galiza polas entidades locais e no Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega de 2004.

Ao plasmar a sinatura no documento promovido pola MPNL, todas as forzas políticas recoñecen a “unidade na vontade de normalizar a lingua galega e devolverlle o protagonismo que nunca debeu perder, retomando e iniciando todas as medidas e accións precisas para a reposición, rehabilitación e plena normalidade”, co compromiso explícito de promover o noso idioma en todas as áreas e institucións onde as forzas políticas asinantes teñan responsabilidade de goberno.