BNG-Asembleas Abertas, alternativa "honesta e solvente" ao PP nos concellos do país o 24M
O BNG-Asembleas Abertas preséntase ás eleccións do 24 de maio co obxectivo de liderar a alternativa á política de recortes, de esnaquizo económico e de recentralización do PP en todos os concellos, desde a confianza de ser percibida como forza política sólida e honesta que demostra a súa capacidade para poñer os concellos ao servizo da cidadanía alí onde goberna.
Estamos en condicións de ofrecer unha alternativa realista cun BNG-Asembleas Abertas que toda a cidadanía percibe como unha forza sólida, seria, confiable, que demostra alí onde gobernamos que somos eficientes, honestos, que colocamos o concello ao servizo das persoas, capaces de dinamizar a economía e o tecido social dos municipios onde gobernamos, en declaracións do portavoz nacional, Xavier Vence, tras a celebración do Consello Nacional.
O dirixente nacionalista fixo fincapé na oportunidade que ofrece a cita do 24 de maio para lograr un cambio nas políticas económicas e sociais derrotando ao PP, tras denunciar que a propaganda despregada por Feijóo sobre a recuperación económica é desmentida cada día polos datos.
O último índice de produción industrial amosa unha caída do 3%, ao que se engade o feito de que Galiza perdeu peso económico no conxunto do Estado nos últimos anos, algo que queda no debe de Feijóo, argumentou, ademais de denunciar a situación do sector leiteiro con caídas drásticas no prezo que reciben os produtores, como exemplo da situación dramática da economía galega fronte a propaganda do PP.
O Consello Nacional avanzou na aprobación das candidaturas municipais, -que se pechará nos próximos días-, de tal xeito que o 98% dos galegos e galegas van ter a oportunidade de elixir unha papeleta do BNG-Asembleas Abertas o 24 de maio. Vence tamén avanzou o perfil das candidaturas subliñando a incorporación de persoas independentes, a renovación cunha clara aposta pola xente nova, e o importante número de candidaturas encabezadas por mulleres.
Son unhas listas tremendamente renovadas, cun 60% de caras novas nas candidaturas, arredor dun 57% de candidatos e candidatas que non teñen carné do BNG, que se incorporan tras ese proceso de asembleas abertas por todo o territorio, froito dese diálogo coa base social nacionalista de esquerdas que queren cambiar este país cun proxecto nacional, explicou Vence, quen tamén puxo en valor o relevo xeracional que reflicten as candidaturas.
Arredor dun 30% dos candidatos e candidatas son menores de 35 anos, en moitos casos como cabeza de lista e, igualmente, hai unha gran porcentaxe de incorporación de mulleres, de tal xeito que lideran unha cuarta parte das candidaturas, indicou o dirixente nacionalista definindo o perfil das candidaturas BNG-Asembleas Abertas.
Vence salientou que co bagaxe e coa experiencia dos actuais gobernos municipais nacionalistas, referentes e modelos incluso a nivel internacional, o Bloque acude aos comicios do 24M confiados en ser percibidos pola cidadanía como unha alternativa ás políticas do PP.
En relación a posibilidade de pactos, Vence subliñou que o BNG esperará a coñecer cal é o mandato dos galegos e galegas tras o 24 de maio, pero deixa claro que facilitará concello a concello, co programa na man e con garantías de honestidade na xestión, unha alternativa ao PP que traballe ao servizo da cidadanía.