BNG aprobará unha Lei galega de apoio ás familias monoparentais cunha batería de medidas fiscais, de vivenda, educativas e de coidados
Bará propón que teñan o mesmo tempo de baixa por maternidade ou por paternidade de 32 semanas que as familias biparentais
O cabeza de cartel avanza un reforzo do sistema de axuda no fogar (SAF) e máis prazas en residencias públicas para as persoas maiores
O BNG garantiu hoxe que aprobará dende o goberno da Xunta unha Lei galega de apoio a familias monoparentais que inclúa políticas públicas con melloras dende a fiscalidade, a educación, a vivenda, ou os coidados para corrixir a actual discriminación. Este compromiso foi confirmado hoxe polo cabeza de lista do Bloque por Pontevedra, Luís Bará, nun encontro con persoas con distintas problemáticas de conciliación e coidado de persoas maiores e da infancia, das que escoitou as súas demandas e ante as que presentou as propostas nacionalistas.
Bará subliñou que o modelo do BNG baséase na creación dun sistema público forte de coidados ás persoas maiores e á infancia, “cun reforzo do sistema de axuda no fogar (SAF), máis prazas en residencias públicas, máis recursos en comedores escolares e programas madrugadores, e tamén unha lei de familias monoparentais que permita recoñecer a relevancia deste tipo de familias e as necesidades específicas que teñen de atención pública”.
O cabeza de cartel anunciou que no futuro goberno do país o Bloque elaborará a Lei galega de recoñecemento e apoio ás familias monoparentais, coas mulleres como eixo principal. Recalcou que o BNG xa fixo unha proposta neste sentido no Parlamento –votada en contra polo PP- ante a obriga de avanzar nunha visión máis ampla para abarcar todas as familias que existen na sociedade e a responsabilidade de que as institucións recoñezan esa pluralidade tanto dende o punto de vista social como legal.
Avanzou a creación dun carné e un rexistro único para e a realización dunha investigación bianual que aporte datos cualitativos e cuantitativos. Tamén comprometeu unha batería de medidas en diferentes ámbitos, con programas de apoio na educación, coidados, vivenda, transporte e fiscalidade, así como axudas económicas.
Bará fixo fincapé na necesidade de garantir a prioridade no acceso a prazas educativas de até tres anos e, tamén en educación Primaria e Secundaria, priorizar estas familias no acceso a todo tipo de servizos, extraescolares, comedor, ou madrugadores. Defendeu bolsas de estudo no estudo superior para que ser fillo ou filla dunha familia monoparental non sexa un hándicap para chegar á universidade.
O Bloque tamén propuxo medidas de apoio en materia de vivenda, cun programa de aluguer específico para este colectivo de familias e medidas para evitar cortes no subministro de servizos básicos. Igualmente, medidas fiscais con reducións no tramo autonómico do IRPF e equiparar dereitos no coidado dos e das fillas en caso de hospitalización.
Finalmente, o BNG propón que as familias monoparentais teñan o mesmo tempo de baixa por maternidade ou por paternidade que no caso dunha familia biparental, é dicir, pasar de 12 a 32 semanas para o coidado do fillo ou filla.
Novo modelo de coidados
Bará amosou o convencemento do BNG de que un dos piares esenciais do estado do benestar son os coidados. Destacou que, ao contrario do que aconteceu co sistema sanitario e o educativo, aínda fica pendente de construír un verdadeiro servizo público dirixido a garantir o benestar do conxunto da poboación, xa que a maior parte das escolas infantís, centros de día, centros dirixidos a persoas con discapacidade ou residencias de maiores son privados. Apostou, así, pola creación do chamado Sergas Social.
Anunciou o impulso dun Plan de Dignificación e Visibilización dos Coidados para divulgar a relevancia económica e social e as consecuencias que supón para as mulleres, que principalmente asumen ese labor. Apuntou como fundamental xeneralizar o SAF, a axuda no domicilio e o servizo de comida no fogar para todos os maiores con algún grao de dependencia, e a aposta pola creación de residencias públicas evitando a mercantilización da vellez, e por centros de día e vivendas comunitarias nos concellos rurais, para dar a posibilidade aos maiores que non poden vivir sos de recibir coidados minimizando o desarraigo.