BNG apostará dende a Xunta polo desenvolvemento do sector forestal pechando ciclos para obter o máximo valor engadido na Galiza
O BNG apostará dende a Xunta de Galiza polo desenvolvemento do sector forestal e a produción de produtos con alto valor engadido. Así o manifestou hoxe o cabeza de lista pola provincia de Pontevedra ás galegas do 18F, Luís Bará, nunha visita á empresa Hermanos Castro, un aserradoiro de Ponteareas que traballa no sector forestal, e que a xuízo do nacionalista “é un exemplo de todo o potencial que ten todo o noso sector forestal se se aposta pola transformación en produtos de grande valor engadido, como a madeira termotratada e para a construción, para distintos usos, como madeira estrutural e de revestimentos e fachadas”.
O número un do Bloque destacou que dende o goberno galego liderado por Ana Pontón, como xa se fixo na época do bipartito, o BNG fará unha grande aposta polo sector forestal, pola transformación na cadea da madeira e polo apoio a proxectos industriais que aposten pola xeración de produtos con grande valor engadido. Apuntou que o modelo xeral que defende o BNG é o aproveitamento multifuncional do monte: social, ecolóxico e produtivo.
En canto á parte produtiva Bará subliñou a necesidade da diversidade de aproveitamentos: madeiras de calidade, resina, bioprodutos como fibra téxtil, pastos e gandaría en extensivo, árbores de froito, froitos silvestres, mel, ou cogomelos. En concreto, no que ten que ver coa cadea monte-madeira, salientou que o BNG propón que o modelo forestal se centre na primeira (aserrado) e segunda transformación (mobiliario, construción, bioprodutos) pechando ciclos para obter o máximo valor engadido en Galiza.
“Temos que rematar coa anomalía de que sexamos unha potencia forestal no estado co 50% das cortas de madeira e só obteñamos o 13% do emprego e da riqueza xerada”, destacou, afirmando que para acadar ese obxectivo é preciso actuar en varias frontes.
Bará destacou a urxente mellora da planificación, ordenación forestal e xestión forestal, e o traballo na mellora xenética para obter madeiras de calidade e resistentes a pragas e cambio climático, na innovación e na transformación industrial xerando produtos con grande valor no mercado.
“Este é o caso de Irmáns Castro, un aserradoiro tradicional que evolucionou e innovou para xerar novos produtos como a madeira termotratada destinada á construción”, insistiu, para engadir de novo o compromiso do BNG de apoiar e impulsar desde o goberno o tecido de pequenas e medianas empresas do sector forestal para sacarlle rendimento ao monte, combater o abandono e os riscos derivados, xerar emprego, e dinamizar economicamente o rural e o interior do país..