BNG aposta por rematar coa discriminación sanitaria que sofre Valdeorras
Noa Presas aposta por adaptar as especialidades sanitarias ás necesidades da poboación: “Valdeorras debe ter unha unidade especializada en pneumoloxia e silicose e unha ambulancia SVA”.
Somos a única forza política que se presenta a estas eleccións cun proxecto de país no que o equilibrio territorial e en favor dos servizos públicos son chave, defende
A cabeza de lista do BNG por Ourense, Noa Presas, aposta por rematar coa discriminación que sofre Valdeorras e o illamento ao que o Partido Popular, na Xunta de Galiza, o mantén. No concreto para a comarca, Presas defende adaptar as especialidades sanitarias ás necesidades da poboación, cunha unidade especializada en pneumoloxía e silicose, así como contar cunha ambulancia SVA, así como un plan de choque urxente de 200M€ e dedicar o 25% do orzamento da Xunta á sanidade pública.
Presas estivo acompañada polo voceiro municipal do BNG no Concello do Barco de Valdeorras e tamén candidato, Suso Vilasánchez, así como do deputado provincial, Xosé Manuel Pugar, a alcaldesa do Concello da Rúa, María G. Albert, o concelleiro Avelino Fernández e o responsábel comarcal do BNG e membro da candidatura, Roberto Quiroga.
A organización nacionalista denunciou o retroceso en materia sanitaria propiciado polo Partido Popular nos 14 anos á fronte da Xunta de Galiza, unha situación “máis grave en Ourense e a comarca de Valdeorras que teñen un servizo sanitario peor”. En 14 anos, sinala a cabeza de lista, o PP recortou en máis de 2.000 millóns de euros a Atención Primaria e “precarizou os hospitais comarcais, eliminou áreas sanitarias como a do Barco para restar capacidade.”
“O Barco é exemplo deste desmantelamento: témolo visto na recorrente falta de persoal de oftalmoloxía, de traumatoloxía, de radioloxía, na precariedade de HADO ou na falta de cobertura de máis dun ano de hematoloxía, algo que ten consecuencia na veciñanza: que se atende tarde, por teléfono, vese obrigada a ir a Ourense ou Vigo nos casos máis graves ou directamente non se atende” asevera Presas.
A situación actual da sanidade pública en Galiza non é froito da casualidade: o PP na Xunta de Galiza dedicouse a desmantelala. “Nunca un goberno fixo tanto dano á sanidade pública das e dos profesionais así como das persoas usuarias” afirma Noa.
“O próximo 18F as e os ourensáns ten a oportunidade de escoller que goberno queren: un goberno encabezado polo PP, que di unha cousa aquí e vota outra na Xunta, ou un goberno liderado polo BNG. Eu pídolles a todas as persoas que queren Valdeorras e Ourense, que queren un trato xusto e que queren blindar unha sanidade pública e próxima, que confíen no BNG” asevera.
Así mesmo, Presas engade que o BNG “é a única forza política que se presenta a estas eleccións cun proxecto de país no que é clave o equilibrio territorial. Para garantir políticas xustas e sen discriminacións hai que ter un proxecto de país a favor dos servizos públicos e do equilibrio territorial”
Rematar coa discriminación que sofre o oriente ourensá
O último exemplo de agravio témolo na nova negativa do PP a dotar Valdeorras dunha ambulancia de Soporte Vital Avanzado. “Isto é algo que é chave tendo en conta as condicións xeográficas e de dispersión desta parte do País e que se nega unicamente por criterios económicos cando estamos a falar da vida da xente” denuncia Presas.
“A Xunta continúa sen ter en conta a necesidade de que Valdeorras conte cunha ambulancia medicalizada. Non entendemos como a esta parte do País se lle nega este servizo cando, por exemplo, Lalín –con todo o dereito a tela- ten unha ambulancia con Soporte Vital Avanzado(SVA)” denuncia o voceiro do BNG no Concello do Barco de Valdeorras e candidato ao Parlamento de Galiza. En opinión de Vilasánchez, a Xunta de Galiza en mans do Partido Popular “está ninguneando a veciñanza de Valdeorras. Pasa de nós dunha forma miserábel”.
Pola contra, explica Suso Vilasánchez, o Partido Popular pensa que cedendo unha Ambulancia Non Asistencia (ANA) na zona da Veiga solucionan o déficit. “Este tipo de ambulancias son non asistenciais, non poden dar asistencia sanitaria en ruta e non corrixe a situación” sinala.
Compromisos do BNG de cara ao 18-F no eido sanitario
A cabeza de lista do BNG por Ourense comprométese a blindar a Atención Primaria, comprometendo un plan de choque urxente de 200 millóns e dedicar o 25% do orzamento da Xunta. “Haberá un reforzo dos hospitais comarcais mellorando a política laboral para fidelizar as e os profesionais e que non pase o que aquí con hematoloxía, un ano sen cubrir” afirma Presas.
Por outra parte, no específico coa comarca de Valdeorras, Presas aposta por adaptar as especialidades sanitarias ás necesidades da poboación: “Valdeorras debe ter unha unidade especializada en pneumoloxia e silicose e unha ambulancia SVA”.