BNG aposta polo “municipalismo cooperativo” en áreas funcionais comarcais para dar mellores servizos

Vence contrapón esta proposta coa “visión cantonalista” do PP que usa os concellos como “ferramenta para dominar o territorio”

Iniciativa para unha rede de transporte metropolitano entre Ourense e os concellos limítrofes que beneficiaría a 140.000 persoas

“Municipalismo cooperativo” para mellorar a calidade de vida das persoas desde os concellos, proposta “clave” do programa marco BNG-Asembleas Abertas anunciada hoxe polo portavoz nacional, Xavier Vence, nas antípodas da “visión cantonalista” do PP que utiliza os concellos como ferramenta “para o control político do territorio”.

“Apostamos por un municipalismo cooperativo que contribúa a crear infraestruturas e proxectos en común entre os concellos dunha comarca. É necesario para aproveitar os recursos que manexan estes concellos e, ademais, crear mellores condicións de traballo e de vida”, explicou Vence nun acto en Ourense no que o BNG presentaba a iniciativa de transporte metropolitano entre a capital das Burgas e os doce concellos que conforman a comarca ourensá.

“Este é precisamente un exemplo concreto desta aposta do BNG pola cooperación municipal a favor da xente, da que se beneficiarían 140.000 persoas”, subliñou.

A fórmula desta cooperación, -áreas funcionais de carácter comarcal-, unha proposta “nas antípodas da visión cantonalista do PP, que concibe os concellos como ferramenta de dominio do territorio”, criticou Vence.

“Os concellos cooperando teñen moitas oportunidades de mellorar as condicións de vida dos seus veciños e veciñas”, a través desa vía, “teñen un instrumento para dinamizar o territorio, reforzar a capacidade económica e de emprego e aproveitar as infraestruturas públicas de servizos básicos”.

Máis barato e sustentable

A proposta para a Comarca de Ourense facilita a mobilidade da veciñanza da capital e dos concellos da súa área para ir aos centros de traballo, favorece o consumo local, o acceso á oferta de cultura e ocio, o desprazamento para recibir atención sanitaria e outro tipo de servizos.

A diario, miles de traballadores e traballadoras viaxan desde Ourense aos polígonos empresariais de San Cibrao das Viñas e de Pereiro de Aguiar, concellos limítrofes, potenciais usuarios do transporte metropolitano.

Na presentación desta iniciativa de transporte metropolitano estiveron presentes membros da candidatura BNG-Asembleas Abertas na cidade de Ourense, que lidera Susana García, así como das candidaturas dos concellos de Barbadás, A Peroxa, Amoeiro, Coles, Nogueira de Ramuín, Toén, San Cibrado das Viñas, Pereiro de Aguiar, Paderne de Allariz, Vilamarín e Taboadela.

“Unha rede de transporte metropolitano facilita un transporte máis barato para as persoas e máis sustentable para o medio ambiente”, argumentou Vence. “Isto é o tipo de propostas que o BNG impulsa desde os concellos”, concluíu.

O dirixente nacionalista completa a xornada electoral participando no mitin de Ponteareas, coa presenza dos candidatos e candidatas da lista que lidera Xosé Represas.