BNG aposta polo impulso e dinamización da economía ourensá
Noa Presas avanza aos representantes de AJE as propostas do BNG en materia económica e as medidas contempladas no “Plan Ourense Vivo”
“Entendemos que a cohesión e a igualdade territorial teñen que ser básicos e, para poñer punto e final aos problemas de Ourense, por iso presentamos este ambicioso plan de goberno” sinala Presas
A cabeza de lista do BNG por Ourense, Noa Presas, e o candidato número 2, Iago Tabarés, -e acompañados polo portavoz municipal do BNG, Luis Seara, e o deputado provincial, Xosé Manuel Puga- manteñen un encontro con representantes da Asociación de Jóvenes Empresarios de Ourense para trasladarlles a proposta económica, así como a entrega do Plan “Ourense Vivo”, co obxectivo de darlle a coñecer as alternativas que defende a organización nacionalista para impulsar as comarcas ourensás. “Un plan que está encardinado nunha estratexia de País que temos desde o BNG para darlle a Galiza o mellor goberno da súa historia” enfatiza a cabeza de lista do BNG.
“Entendemos que a cohesión e a igualdade territorial teñen que ser prioritarios e, para poñer punto e final aos problemas de Ourense, por iso presentamos este ambicioso plan de goberno que conta con 25 eixos estratéxicos que abordan as necesidades que temos nesta parte do País” sinala Presas. O Plan Ourense Vivo, continúa a cabeza de lista do BNG, contempla medidas desde o punto de vista social como cuestións do ámbito económico “tanto no ámbito do termalismo como a constitución dunha mesa pola industria ou a estratexia ante o cambio climático que temos que liderar”.
“Ourense merece un futuro mellor”
Noa Presas agradece a mobilización da sociedade ourensá e a boa recepción que está tendo a presentación do Plan Ourense Vivo –e mesmo o traballo colaborativo- por parte das asociacións, organizacións e plataformas coas que o BNG se está reunindo para dalo a coñecer. “Temos propostas concretas para activar os nosos sectores produtivos e para dinamizar a nosa economía” asevera a cabeza de lista
Alén do máis, a candidata do BNG ve no 18-F unha oportunidade para que haxa un cambio político na Xunta de Galiza e exista un goberno liderado polo BNG que “faga realidade estas medidas porque Ourense merece un futuro mellor”.
Programa económico do BNG para un novo ciclo político
Durante o encontro, a cabeza de lista do BNG aproveitou a ocasión para trasladar os catro obxectivos estratéxicos presentados pola organización nacionalista de cara a este novo ciclo político marcado polo 18-F.
O primeiro de todos é o de xerar actividade económica e emprego de calidade. Pór o País a producir desde a innovación procurando un desenvolvemento autocentrado (baseado nos propios recursos), nos sectores estratéxicos (tradicionais e emerxentes) así como na xeración de cadeas de valor. Así mesmo, o BNG defende construír unha Galiza máis forte e orgullosa da súa identidade, afortalando a capacidade de decisión do pobo galego, avanzando no noso recoñecemento como nación e no noso autogoberno.
Do mesmo xeito, Presas comprométese a impulsar o coidado das persoas, especialmente a quen máis o precisa, reducindo as desigualdades así como fortalecendo e ampliando os servizos públicos esenciais. E, tamén engade, coidar o territorio e o planeta, a través dun País máis ordenado e cohesionado social e territorialmente.