BNG aposta pola promoción do ferrocarril como “medio estratéxico e de futuro” para Valdeorras e Ourense
O BNG introducirá na axenda política o desmantelamento dos servizos ferroviarios, sobre todo do interior do País, para reverter a situación e apostar de maneira decidida polo medio de transporte do futuro
Aumento das liñas e frecuencias, dotación de persoal nas estacións de ferrocarril e recuperación dos trens nocturnos: compromisos do BNG para este 23X en materia ferroviaria
Noa Presas: “É hora de apostar polas forzas propias, as receitas do pasado -do bipartidismo clásico- non funcionan”
A cabeza de lista do BNG ao Congreso, Noa Presas, avanza a aposta polo ferrocarril como medio de transporte estratéxico e de futuro, dotando as estacións de persoal suficiente para prestar un servizo de calidade, así como aumentar as liñas e frecuencias ofertadas e unha política tarifaria atractivas para fomentar o seu uso. Presas chama a cidadanía a facer historia o vindeiro 23X e apostar polas forzas propias após anos de desmantelamento do servizo ferroviario en Ourense levado a cabo polos gobernos de PP e PSOE no Estado.
Noa Presas desprazouse até a comarca de Valdeorras para exemplificar o desmantelamento que os sucesivos gobernos do Estado realizaron en materia de servizos ferroviarios, deixando sen conexións axeitadas a parte oriental de Ourense. Mais, esta situación, engade a cabeza de lista polo BNG, pode contemplarse tamén no resto de estación e apeadeiros de Ourense, que ofrecen servizos mínimos e nin tan sequera contan con persoal que ofreza un servizo presencial ás persoas usuarias.
“Hai que reverter esta situación de desmantelamento e apostar, de forma clara, por este medio de transporte a través de horarios nas liñas adaptados as necesidades da poboación e cunha política tarifaria adecuada” subliña Presas. Neste sentido, ademais de aumentar as liñas e frecuencias das viaxes actuais, a cabeza de lista aposta por dotar as estacións de ferrocarril de persoal suficiente para garantir un servizo presencial.
“Estacións como da Rúa, a día de hoxe, carecen de persoal que informe as persoas usuarias ou mesmo faciliten a compra de billetes. Substituírono por unha máquina de venda de billetes sen atender as necesidades das persoas usuarias, tales como a poboación envellecida, que precisan dun servizo presencial” denuncia Presas.
Nun contexto de descarbonización e promoción do transporte colectivo, a organización nacionalista entende que se debe apostar polo fomento do uso de medios de transporte como o ferrocarril. “Mentres noutras zonas do Estado o Goberno está ampliando a súa oferta ferroviaria, en comarcas como Valdeorras recorta paulatinamente servizos a pesar da discriminación histórica que sofre a comarca en materia de infraestruturas” sinala a cabeza de lista.
Ante esta situación, a cabeza de lista do BNG en Ourense nas eleccións xerais sinala a oportunidade de reverter esta situación o vindeiros 23X confiando no BNG. “É hora de apostar polas forzas propias, as receitas do pasado -do bipartidismo clásico- non funcionan. Levaremos ao Congreso os problemas da cidadanía de Valdeorras, como o ferrocarril, para que estean na axenda política e se poidan resolver” comprométese a cabeza de lista do BNG.
Recuperar os trens nocturnos no Estado
Durante a pandemia, o Goberno do Estado decidiu cancelar as viaxes ofertadas en horario nocturno. Mais, en opinión da cabeza de lista, estes servizos deberían ser recuperados como “a liña que conectaba Ourense, tamén a comarca de Valdeorras, con Catalunya”. Dous anos despois do remate da pandemia, a organización nacionalista ve incompresible que aínda non se recuperaran este tipo de servizos que “mesmo contaban con alta demanda entre a poboación”.