BNG aposta por un novo modelo enerxético galego que xere emprego e evite o espolio dos recursos naturais para beneficiar ás grandes eléctricas
A portavoz de Enerxía do BNG, Noa Presas pediu ao goberno galego “unha rectificación” da súa política enerxética co fin de non seguir destruíndo emprego e beneficiando ás grandes eléctricas en detrimento dos recursos naturais de Galiza.
A moción defendida pola nacionalista, rexeitada polo grupo maioritario do Partido popular, incluía un decálogo de medidas para sentar as bases dun novo modelo eólico establecendo zonas de instalación e exclusión e co fin, afirmou “de poder gobernarnos nós mesmos na xestión da enerxía”.
A deputada instou á Xunta de Galiza a “rectificar a súa política económica e enerxética” e apostar por un modelo lexislativo e organizativo que “corrixa a desregulación e desindustrialización”. Nesta liña, propuxo “retirar o anteproxecto de Lei de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galiza”, e o compromiso de iniciar un diálogo político e social cara “un pacto de país” para o novo modelo enerxético galego.
Nesta liña, tamén indicou que urxe impulsar unha mesa de traballo cos diferentes sectores sociais, para elaborar unha verdadeira estratexia de participación pública e
planificación enerxética abordando liñas de traballo centradas: nun Mapa de ordenación das enerxías renovábeis, eólica e fotovoltaica, consensuando e planificando os obxectivos e someter esta planificacións a avaliación ambiental e zonas de exclusión.
Por outro lado, afirmou que é preciso elaborar “un plan sectorial eólico para todo o territorio galego sometido igualmente a unha avaliación ambiental”.
Noa Presas tamén demandou reclamar ao Goberno central a “totalidade de competencias en materia enerxética” singularmente a tramitación de calquera proxecto enerxético que se desenvolva en Galiza e supere os 50MW.
A deputada indicou que o canón eólico debe ser reformulado para adaptalo mentres non se substitúa por outros mecanismos e atendendo á potencia de xeración para determinar a súa contía.
Entre as propostas, sumou a Estratexia específica para a repotenciación, estudando as zonas nas que é pertinente promover a substitución de
aeroxeneradores para aumentar a capacidade xeradora e vincular a explotación eólica ao impulso de plans industriais asociados coa promoción da industria de compoñentes afincada no país.
Empresa pública de enerxía
A nacionalista volveu a reclamar a creación “dunha empresa pública de enerxía” que aglutine a participación pública do sector en todas as enerxías que teña como base, a
incorporación dos activos hidráulicos rescatables para o público.
Finalmente considerou prioritario impulsar “un Centro para a competitividade e I+D+i en almacenamento de enerxía, un Polo de innovación e experimentación en enerxía que aglutine Universidades, centros de investigación e tecnolóxicos , INEGA e o tecido
empresarial para avanzar no “desenvolvemento tecnolóxico, a electrificación da enerxía e a transferencia do coñecemento”.
A deputada afirmou que Galiza non pode seguir sendo a gran prexudicada para que ao Estado lle dean as contas e lamentou que, unha vez máis, o Partido popular rexeitara as medidas propostas polo BNG para camiñar na senda dun “novo modelo enerxético a favor de Galiza”.