BNG aposta por destinar 15 millóns de euros á rexeneración da ría de Muros e Noia
O portavoz do BNG no Congreso dos Deputados, Néstor Rego, rexistrou emendas aos orzamentos xerais do Estado (OXE) destinadas a mellorar o investimento nos municipios da ría de Muros e Noia por valor de 16,7 millóns de euros.
Entre as propostas da formación nacionalista destaca claramente unha delas, pois propoñen destinar un total de 15 millóns de euros para desenvolver un ambicioso plan de rexeneración do bordo litoral da ría de Muros e Noia.
Rego destaca a “necesidade de retirar os residuos no bordo litoral da parte máis interior da ría de Muros e Noia”, pois “a limpeza da capa superficial e o dragado dos lodos facilitaría a rexeneración da ría e a mellora da produción marisqueira”.
O deputado nacionalista lembra que “do bo estado da ría dependen de forma directa 1.700 postos de traballo tan só na Confraría de Pescadores San Bartolomeu de Noia, ao que hai que sumar o resto de confrarías da ría e todos os postos indirectos que xera a actividade marisqueira desta ría”.
Cooperación entre Administracións
A ambiciosa intervención de rexeneración que demanda o BNG vai acompañada da aposta pola cooperación entre Administracións para deseñar un plan de mellora da calidade das augas e da produtividade dos bancos marisqueiros da ría.
“A rexeneración da ría de Muros e Noia debe ir unida á reclamación á Administración galega de dar pasos urxentes para culminar o saneamento dos municipios, carece de sentido rexenerar unha zona sen que ao mesmo tempo se deseñe un calendario para rematar cos vertidos de augas residuais incontrolados”, afirma Rego. Por este motivo, desta o deputado do BNG, “é necesario un acordo entre as Administracións locais, a galega e a estatal para desenvolver un plan de actuación coordinada”.
En paralelo, a formación nacionalista demandou outras tres actuacións concretas para actuar sobre contornas concretas de alto valor ambiental no bordo litoral na zona máis interna da ría. Así, o BNG pide unha actuación sobre de rexeneración nos recheos sobre a zona húmida de San Lázaro (Noia), a retirada das tubaxes de fibrocemento e a mellora paisaxística da praia da Barquiña (Noia) e a rexeneración do espazo protexido da marea do Conchido (Outes). Estas tres actuacións concretas sumarían un investimento de 550.000 euros.
Outras propostas
O BNG rexistrou ademais outras dous emendas para esta comarca. Por unha parte, a formación nacionalista solicita a rehabilitación, por un importe de 900.000 euros, do inmoble que acolle a ‘Casa da Cultura Antón Avilés de Taramancos’, en Noia, co obxectivo de consolidar nesta localización o ‘Museo das laudas gremiais de Santa María a Nova’ e así expor un maior número de laudas e converter o museo nun centro de interpretación da vila medieval e os gremios.
Así mesmo, a formación nacionalista pide a realización dun proxecto, por un valor de 250.000 euros, que estude as posibilidades de conexión ferroviaria da ría de Muros e Noia con Santiago de Compostela. O BNG aposta desta forma por unha “vertebración máis ecolóxica, económica, práctica e igualitaria do territorio” de cara ao futuro.