BNG aposta por construír o by-pass ferroviario como proxecto estratéxico para As Mariñas
Néstor Rego reclamará aumentar o investimento na Galiza e planificar a súa execución total: “Un de cada tres euros non foi executado en 2021.En Madrid executouse 184%, case o dobre do previsto”
A frente nacionalista reclama modernizar a rede ferroviaria interior da Galiza, o deseño de frecuencias e horarios adaptados ás necesidades das persoas usuarias e unha política tarifaria accesíbel para garantir o uso do ferrocarril
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, tras avaliar o proxecto de orzamentos do Estado para 2023, denuncia o escaso investimento para a comarca das Mariñas proposto polo executivo e reclama que, ademais de aumentalo con partidas suficientes para realizar proxectos fundamentais en materia de infraestruturas e servizos, existan prazos para a execución dos mesmos. A frente nacionalista fixa como prioritario a mellora da seguranza viaria e as infraestruturas e servizos ferroviarios, como a construción do by-pass en Betanzos e a implantación do servizo de cercanías.
A organización nacionalista critica que, nun contexto no que o investimento territorializado sobe na maioría dos territorios, na Galiza estáncase e non son estabelecidas nos orzamentos partidas suficientes para rematar proxectos fundamentais para o País. Mais, non é só que non se consignen partidas suficientes, senón que as poucas orzadas non son executadas. “Sabemos que o grao de execución na maioría das obras previstas é moi baixo. En 2021, só se executou 67% do orzado para a Galiza. É dicir, 1 de cada 3 euros non foi executado. Pola contra, na Comunidade Autónoma de Madrid executouse 184%, case o dobre do primeiramente previsto” explica o deputado do BNG.
Isto pode observarse, por exemplo, en infraestruturas fundamentais para as comarcas da Coruña, Ferrol e das Mariñas, máis tamén para o conxunto do País, como é a construción do by-pass ferroviario de Betanzos. “Os Orzamentos de 2021 recollían unha partida de 120 mil euros mais non se executaron, o ano pasado contemplaban unha de 170 mil que tampouco se executou” denuncia o deputado nacionalista mentres sinala que, segundo os estudos realizados, o proxecto podería chegar a custar entre 20 e 40 millóns.
“Hai que superar o déficit histórico que se produce especialmente en infraestruturas, sobre todo ferroviarias, e servizos na Galiza. Proxectos como a construción do by-pass de Betanzos son obras demandadas durante décadas que permitirían reducir o traxecto A Coruña-Betanzos-Ferrol” subliña Rego.
En materia ferroviaria, tampouco existen partidas -ou de existir, son “ridículas”- para a modernización da liña A Coruña-Ferrol. “O que reclamamos é que existan partidas orzamentarias suficientes para que estas liñas teñan os estándares que hoxe se exixen, con electrificación, velocidade e unha seguranza adecuada” sinala.
“Na Galiza, a día de hoxe, non existen cercanías ferroviarias mais non é por un problema de poboación. Existen núcleos de poboación de 270.000 habitantes que gozan deste servizo. A rexión A Coruña-Ferrol alcanza os 650.000 habitantes” apunta o deputado do BNG. Neste sentido, Rego demanda a implantación do servizo ferroviario de cercanías e promover así un medio de transporte de futuro e de menor impacto ambiental. “Os servizos de proximidade ferroviarias que reclamamos implican por en funcionamento traxectos específicos de curta distancia, horarios máis frecuentes e tarifas máis baratas” afirma Rego.
Rematar cos puntos negros da N-VI
Alén do mais, o proxecto de Orzamentos tampouco contempla investimentos suficientes para a mellora da seguranza viaria, a comezar pola N-VI ao seu paso polos concellos de Coirós, Bergondo, Aranga e Betanzos. “Existen varios puntos negros que precisan da mirada e a actuación do executivo estatal. En moitos casos, o proxecto xa está rematado e só se precisarían partidas específicas para a súa execución” lembra Néstor Rego.
Exemplo claro destes puntos atópase no Concello de Coirós onde a veciñanza levan reclamando historicamente a mellora da seguranza viaria a través da renovación do pavimento e a sinalización, así como a dotación de beirarrúas e a instalación de medidas de protección ou pasos de peóns regulados por semáforos.
Rexeneración e saneamento da ría
No relativo á rexeneración das rías, alén da adxudicación para a limpeza na Ría do Burgo, non existen partidas que favorezan solucionar o problema de saneamento no resto de rías. “Isto supón, con maior ou menor gravidade, limitar a capacidade produtiva das rías que podería ser 10 veces superior” salienta o deputado.
Rego anuncia que reclamará partidas específicas para o saneamento e a rexeneración das rías galegas para recuperar a calidade das augas e incrementar a capacidade produtiva das rías que é fundamental para o sector marisqueiro. “É urxente acometer esta situación para mellorar a calidade dass auga. Hai que estabelecer medidas de depuración e saneamento que permitan a recuperación dos bancos marisqueiros e o uso das praias” finda Rego.