congreso

BNG aposta en avanzar na conversión de Navantia nun Complexo Industrial Integral

Néstor Rego
Ante a falta de datos sobre o anuncio realizado pola Ministra de Facenda, o BNG demanda ao executivo “concreción, investimento e calendario coas actuacións” sobre o proxecto de construción do novo dique para reparacións na ría de Ferrol

Após recoller o anuncio da Ministra de Facenda, durante unha comparecencia no Senado, o BNG rexistra iniciativas co obxectivo de coñecer os plans do Goberno do Estado sobre o proxecto de construción dun novo dique para reparacións en Navantia Ferrol. O deputado do BNG, Néstor Rego, quere máis información sobre o proxecto e as características do dique, así como o investimento que prevé o goberno e o calendario que contempla. A forza nacionalista cre que este proxecto ten que servir para avanzar na conversión de Navantia nun Complexo Industrial Integral.

A Ministra de Facenda, durante unha comparecencia no Senado, anunciou que o goberno ten pensado construír un novo dique para reparacións en Ferrol. Como tempo despois do anuncio segue sen se coñecer a fase en que se atopa este proxecto, a organización nacionalista decide rexistrar iniciativas para saber cales son os plans do goberno: “concreción no investimento, onde estará situado, cales serán as características do dique ou mesmo en que fase se acha o proxecto e quen o elaborou”.

“Sempre defendemos que, para garantir o futuro da actividade industrial en Navantia e no conxunto da comarca, era preciso apostar  na conversión de Navantia nun Complexo Industrial Integral, quer dicir, pola diversificación dos traballos e incluír a construción naval civil” lembra o deputado do BNG. Un obxectivo, continúa, que poderá lograrse “coa mellora e modernización das instalacións de Navantia na Ría de Ferrol”.

Neste sentido, Rego cre que é precisa máis información sobre este proxecto anunciado pola Ministra de Facenda, particularmente sobre cales serán as características do novo dique (dimensións, mercado diana, tipos de buques…). O deputado do BNG que tamén pregunta polos terreos onde contempla o goberno situar o proxecto e se pensa aproveitar as obras de eliminación das gradas da antiga Astano para facer o dique.

“Cal é o orzamento previsto? Está consignado ou previsto incorporar esta actuación nos vindeiros orzamentos?” pregunta o BNG nas iniciativas rexistradas nas Cortes Xerais. Iniciativas, lembra Néstor Rego, que forman parte do intenso traballo realizado pola organización nacionalista, tanto no Parlamento Galego como no Congreso, ao que agora tamén se lle suma o labor feito no Senado a través da senadora Carme da Silva.